Vieites reivindica o potencial do turismo galego: «Pode alcanzar o 16% do PIB»
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia defende que Galicia ten grandes recursos para desenvolver o sector de maneira "eficiente", polo que se afasta das críticas a unha "masificación" en algunhas cidades como Santiago ou A Coruña.
Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, xunto a Manuel Carneiro, economista e responsable do informe ‘Futurismo’ / EDG
Hai un valor de “transversalidade” no turismo que o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, adoita poñer sobre a mesa. É un motor económico con enorme capacidade de impulsar ás pemes, democratizar os ingresos, pois xera impactos positivos na hostalaría, o comercio, o transporte e en todo tipo de servizos complementarios. É unha razón para fomentar a calidade do urbanismo que repercute na calidade de vida, marcando un contrapunto aos inconvenientes que poida xerar a maior presenza de persoas, que, entre outras cousas, obrigan a incrementar o gasto en servizos.
Isto non impide que a Confederación de Empresarios de Galicia reivindique con intensidade, e con fundadas esperanzas, o desenvolvemento do sector, ao que outorga aínda unha importante capacidade de crecemento. Antes da presentación do informe Futurismo. Outros Camiños na sede da patronal, un traballo capitaneado polo economista Manuel Carneiro e impulsado por Economía Dixital, Banco Sabadell-Gallego e a propia CEG, Vieites asegurou que o turismo pode crecer entre un 2% e un 3%, incluso alcanzar o 4% ata 2027, cando chega o próximo ano Xacobeo.
Ao poñer cifras a este potencial, o líder da patronal asegura que o turismo podería alcanzar ata o 16% do PIB, o que suporía dar un importante salto desde o peso no que se move actualmente, entre o 12% e o 14%, segundo explicou Vieites. “Galicia confirma unha tendencia de crecemento orgánico e estable do turismo, con perspectivas especialmente positivas ata 2027 grazas ao efecto Xacobeo”, subliñou.
Os riscos para o turismo
Recoñeceu, con todo, que existen riscos, que son de todos coñecidos e están vinculados á masificación turística: a presión inmobiliaria pola proliferación de pisos turísticos ou a xentrificación; o impacto da taxa turística na actividade; ou a perda de identidade local, mencionando algúns dos aspectos que analiza o estudo. Para afrontalos, Veites recomenda unha regulación “equilibrada” e planificación urbana que “garanta a sostibilidade do modelo e a convivencia coa poboación residente”.
Hai outros ingredientes de futuro aos que apuntan desde a patronal, como o de desenvolver un turismo “diferenciado e adaptado a unha demanda segmentada”, que permita absorber visitantes de distintas motivacións e diferente poder adquisitivo. Outros retos, enumerou o presidente da CEG, son a transformación dixital, a personalización de experiencias, a adopción dun modelo turístico “máis innovador e tecnolóxico”, e o turismo sostible, que “non é opcional”, senón unha esixencia de investimento por parte do mercado.
¿Preparados para o 2027?
Ao falar de eficiencia, opoñéndoa á masificación, Vieites puxo un exemplo que, ao seu entender, permite trasladar “en positivo” as lexítimas críticas. “Temos uns datos en 2024 magníficos, pero non hai que esquecer que estamos ás portas dun 2027 que será Ano Xacobeo, e que, por tanto, hai que ir preparando todas esas necesidades que se derivan da cantidade de persoas que se van achegar a Galicia”, manifestou.