Os traballadores piden a Navantia que desminta ao seu presidente e rexeite a entrada dun socio privado.
O comité de Ferrol manifesta un "rexeitamento sindical unánime" a calquera cambio no carácter 100 % público da compañía, despois de que o presidente, Ricardo Domínguez, especulase sobre unha posible entrada de capital privado.
Ricardo Domínguez, presidente de Navantia, cos estaleiros de Ferrol de fondo
O presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, acendeu un incendio entre os traballadores. O máximo responsable do grupo naval dixo nunha xornada do Deusto Business Alumni que a compañía tiña que continuar sendo pública, pero que “debería chegar” a entrada dunha parte de capital privado froito da súa propia madurez.
As palabras sementaron inquedanza entre a plantilla e foron matizadas ao día seguinte pola propia Navantia, que se apresurou a asegurar que non buscan ningún socio. A pesar diso, aínda xeran suspicacias entre os traballadores, que piden máis explicacións.
Por exemplo, desde o comité de empresa do estaleiro de Ferrol, onde esixen ao grupo público un desmentido. Nun comunicado, os representantes da plantilla expresan o seu rexeitamento ás declaracións de Domínguez que xeraron “preocupación e sorpresa”. O comité recalca que unha persoa cun cargo da súa relevancia non pode excusarse nunha “reflexión persoal” nin alegar que as súas palabras foron “descontextualizadas”. De ser así, esixen que as desminta publicamente, dado que as súas afirmacións supoñen “un cambio de paradigma no carácter público da empresa”.
Os sindicatos aluden ás matizacións que Navantia fixo ás palabras do seu primeiro directivo, sinalando que “tratábase dunha reflexión a futuro no contexto da industria en Europa, pero non é un escenario que se estea a plantexar neste momento”. “Foi unha resposta a unha pregunta que lle fixeron nun foro”, argumentaron.
Rexeitamento sindical “unánime”
O comité, pola súa banda, lembra que reclamou en múltiples reunións –e tamén publicamente– a negociación dun Plan estratéxico que aborde aspectos clave como o emprego, o relevo xeracional, a carga de traballo e os investimentos, co obxectivo de garantir a viabilidade a longo prazo de Navantia. “O rexeitamento sindical unánime do comité de empresa á entrada de capital privado en Navantia é claro: defenderemos firmemente o seu carácter 100% público, como garante de emprego de calidade, estabilidade laboral e xeración de riqueza nas comarcas”, sinala o texto.
Ante esta situación, os traballadores esixen un desmentido público inmediato. En caso contrario, advirten, podería interpretarse como un “globo sonda” ou unha reorientación política. Así mesmo, instan ao accionista único, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), a pronunciarse, pois entenden que o seu silencio sería interpretado como un respaldo a estas declaracións.
Por último, o comité reclama unha investigación “exhaustiva” sobre a xestión actual da empresa en relación coa materialización do Plan e os investimentos que se están a levar a cabo.