Actualizado
Congalsa, Delikia, Galaria, Eleko e Optare sobresaen no Atlas de ED Galicia polo coidado do seu persoal
Análise en detalle das políticas de recursos humanos nas empresas galegas

Delikia Fresh. Kaleido Ideas & Logistics, Plaintec, Optare Solutions, Ideaspropias Editorial, Congalsa, Galaria, Eleko y Unirisco son las empresas participantes en el Atlas Gallego de la Empresa Comprometida con mejores resultados en la categoría de “personas”
Cal é a relación da empresa galega cos seus cadros de persoal? A quinta edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida avalía, na súa categoría denominada persoas, as políticas dos grupos participantes verbo da creación de emprego, as condicións laborais, a formación do persoal, a integración de traballadores con discapacidade, o fomento da igualdade e a participación dos empregados na toma de decisións. Cunha evolución desigual nestas variables, os resultados do estudo, que pode descargarse de balde na web de Economía Digital Galicia, amosan que durante o exercicio 2024 a meirande parte das compañías participantes, case un 71%, mantiña estable o número de traballadores ou ben realizara incrementos moderados, inferiores ao 10%. O 29% dos grupos aumentaron o seu persoal por enriba desa cota.
Para os autores do Atlas, estes datos confirman a idea de que as empresas participantes “manteñen un compromiso sostido co emprego, sen cambios abruptos na súa estrutura de persoal”.
Metodoloxía
O Atlas Galego da Empresa Comprometida é unha iniciativa liderada por Economía Digital Galicia, na que, nesta quinta edición, participaron 72 empresas que suman, de xeito conxunto, un volume de negocio de máis de 53.000 millóns de euros e empregan a máis de 243.000 traballadores. Mide o compromiso dos grupos con base de operacións na comunidade galega a través de distintas categorías como son: Persoas, Contorna, Bo Goberno e Medio Ambiente.
Este documento aplica unha metodoloxía que outorga dunha a cinco estrelas por categoría en función do compromiso identificado por cada unha das empresas. Isto fai posible un máximo de 20 estrelas por empresa participante. Na categoría de persoas, tanto Delikia Fresh, empresa coruñesa de alimentación a través de máquinas expendedoras, como a tecnolóxica Kaleido lograron a máxima puntuación. Hai que destacar que esta última tamén conseguiu cinco distincións na categoría de relación coa contorna. Entre as empresas máis destacadas polo trato ao seu persoal cóntanse tamén Congalsa, Eleko, Galaria, Ideaspropias Editorial, Optare Solutions, Plaintec e Unirisco.
Se debullamos cada un dos indicadores analizados no Atlas de ED Galicia atopamos que, alén do impulso sostido en xeración de emprego, o pasado exercicio, a variable de condicións laborais experimentou unha baixada notable na súa nota media, pois pasou dun 7,29 a un 6,16. Segundo os autores, “podería estar relacionado coa menor porcentaxe de empresas con niveis de persoal fixo por enriba do 95% e a menor implantación da certificación de seguridade laboral (ISO 45001)”.
Tampouco houbo o ano pasado grandes avances en políticas de formación, variable que obtén un índice do 3,77 sobre 10. A media de horas de formación nos cadros de persoal é de 24,3 horas, próximo ao mínimo legal establecido no Estatuto dos Traballadores, de 20 horas.
A integración de persoas con discapacidade tamén cae de 5,84 a 4,27, reflectindo unha menor aposta pola inclusión e unha drástica redución na certificación en accesibilidade.