Delikia, Plaintec, Alda Hoteis e Unirisco destacan pola relación co seu persoal no Atlas de ED Galicia
Kaleido Ideas & Logistics, Grupo Faro e Citanias, ademais de Optare Solutions, Conservas Friscos e Congalsa, tamén se atopan entre as dez empresas que mellor valoración reciben na categoría de Persoas na sexta edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida.
Se se observa o comportamento conxunto das catro categorías que forman o Atlas Galego da Empresa Comprometida de 2025, as correspondentes a Bo Goberno, Medio Ambiente, Entorno e Persoas, o resultado, a grandes trazos, debuxa un escenario de compromiso empresarial “progresivo pero gradual”, no que as empresas galegas avanzan cara a modelos de xestión máis sostibles “sen que se produzan cambios abruptos nin retrocesos significativos”. Así o valoran os codirectores técnicos do proxecto editado por Economía Dixital Galicia, os economistas Marcelino Fernández Mallo e Fernando de Llano.
A categoría Persoas presenta unha recuperación moderada respecto á edición anterior, acadando os 5,3 puntos. “Os resultados amosan unha situación caracterizada pola estabilidade xeral das políticas laborais nas empresas do Atlas”, din, e “a creación de emprego mantense en niveis positivos e as condicións laborais continúan baseándose nunha elevada estabilidade contractual”.

Unha igualdade só en parte
As políticas de igualdade e conciliación están amplamente desenvolvidas nas organizacións participantes; con todo, esta implantación non se traduce nun avance significativo na presenza feminina nos órganos de goberno, “onde a representación das mulleres evoluciona con moita lentitude”. Este é un dos aspectos no que o marxe de mellora é maior de todas as variables analizadas no atlas, a dicir polos resultados.
Básicamente, a categoría Persoas do Atlas Galego da Empresa Comprometida analiza o compromiso empresarial a través de seis variables: creación de emprego, condicións laborais, formación, integración de persoas con discapacidade, igualdade e participación.
Dúas empresas destacan
Entre as empresas que destacan polo seu comportamento global nesta categoría sobresaen nesta edición Delikia e Plaintec, que acadan máis de 85 puntos sobre 100 na valoración agregada. Nun segundo nivel, con puntuacións superiores aos 75 puntos, sitúanse Kaleido Ideas & Logistics, Grupo Faro e Citanias, ademais de Optare Solutions, Conservas Friscos e Congalsa, que se achegan tamén a ese umbral de excelencia. Unirisco e Alda Hoteis completan a cabeza da clasificación e conforman o grupo das empresas que obteñen catro estrelas na categoría.
O análise conxunto dos resultados da edición 2025 amosa unha situación caracterizada por “unha notable estabilidade xeral”, segundo os autores, “con algunhas evolucións positivas en determinados ámbitos e certas áreas nas que o progreso continúa sendo limitado”.
A sexta edición
O Atlas Galego da Empresa Comprometida é un proxecto editado por Economía Dixital Galicia e que conta tamén co xornalista Virxilio Costas como director de desenvolvemento. A iniciativa de EDG está implantada tamén no País Vasco e Andalucía, con partners locais. Entre os patrocinadores desta edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, a sexta xa, atópanse a Xunta, Profand, Gadisa, Copasa e Cobre San Rafael.