Cando a estupidez goberna e a natureza sentenza
Galicia, territorialmente protexida polo seu clima atlántico, xa non é unha excepción. As ondas de calor son máis frecuentes, os incendios máis intensos, as secas máis prolongadas. A transición enerxética non é unha opción ideolóxica, senón unha condición de supervivencia.
Imaxe de arquivo dun bombeiro durante a traxedia da DANA
Europa vive un comezo de verán que xa non é meteorolóxico, senón estrutural. Segundo o grupo internacional World Weather Attribution, ondas de calor como a actual terían sido practicamente imposibles hai cincuenta anos sen o quecemento global. A evidencia científica é tan abrumadora que xa non describe un fenómeno excepcional, senón un cambio físico do sistema climático.
España acaba de pechar o segundo mes de xuño máis cálido desde que hai rexistros, cunha anomalía térmica de 3,2 ºC por riba da media. E a natureza ditou sentenza cunha contundencia inédita: máis dun milleiro de persoas morreron en xuño polas altas temperaturas, segundo o sistema MoMo do Instituto de Saúde Carlos III. Nunha soa semana de onda de calor concentráronse 663 falecementos, e o total provisional ascende a 1.028 mortes, o récord histórico desde que existen rexistros en 2015. A media habitual de xuño é de 330 falecementos. Este ano a cifra triplicouse.
Francia rexistra un exceso de mortalidade que colapsou funerarias e servizos públicos. Alemaña alcanza os 40 graos en cidades onde as vivendas non teñen aire acondicionado. En Leipzig, o calor deformou os carrís do tranvía e paralizou a circulación. E España afronta alertas sanitarias no 85% dos seus municipios, con hospitalizacións por desmaios e falecementos asociados ás temperaturas extremas. A natureza está ditando sentenza. E a política, en demasiados casos, segue empeñada en gobernar desde a estupidez estratéxica.
Os expertos explícano con claridade: non é “o calor de sempre”, é o cambio climático. As xornadas de calor húmido perigosas para a saúde pasaron dunha media de 10 nos anos setenta a 23 agora. O fenómeno de El Niño está a piques de intensificarse, botando “máis leña ao lume dun mundo que se quenta”. E mentres tanto, as renovables protexeron a España do aumento de prezos polo peche de Ormuz, demostrando que a transición enerxética non é ideoloxía, senón resiliencia económica.
A evidencia científica é abrumadora. A evidencia política, desconcertante.
¿Como pode avanzar o negacionismo xusto cando a natureza está a mostrar, con contundencia física, que o quecemento global xa non é un debate senón un feito?
Mentres Europa dorme en parques para non asfixiarse na casa —síntoma dunha infraestrutura deseñada para un clima que xa non existe—, o arco político mundial inclínase cara a quen nega o cambio climático ou o minimiza. En Francia, a extrema dereita propón un “plan nacional de climatización” para evitar mortes por calor, unha solución que agravaría o problema que pretende resolver. Nos Estados Unidos, os grandes bancos dispararon a financiación do sector fósil, espoleados por Donald Trump. E en Europa, boa parte do discurso conservador segue atrapado na nostalgia fósil, aínda que catro de cada dez votantes do PP desexarían que o seu partido fixese máis en relación co clima.
A pregunta é inevitable: ¿como pode avanzar o negacionismo xusto cando a natureza está a mostrar, con contundencia física, que o quecemento global xa non é un debate senón un feito? Pode haber tres explicacións:
1. Interese económico: as industrias fósiles seguen sendo actores xeopolíticos de enorme poder. A súa capacidade de influencia sobre campañas, medios e gobernos é xigantesca. O negacionismo non é unha opinión espontánea, senón unha estratexia de poder que protexe un modelo enerxético que aínda move billóns de dólares.
2. Estupidez estratéxica: a política responde aos síntomas e non ás causas. Climatizar masivamente edificios, como propón a extrema dereita francesa, é unha resposta emocionalmente eficaz pero fisicamente absurda: aumenta o consumo enerxético, incrementa as emisións e acelera o quecemento global. É a lóxica do náufrago que bebe auga salgada para calmar a sede.
3. Fatiga social: tras anos de crises encadeadas —pandemia, inflación, guerras, migracións, secas—, unha parte da cidadanía rexeita calquera discurso que implique máis cambios, máis restricións ou máis sacrificios. O negacionismo ofrece un relato cómodo: “Non pasa nada. Non hai que cambiar nada. Todo seguirá igual”. É falso, pero reconfortante. E en política, o reconfortante adoita gañar ao verdadeiro.
Pero a natureza non negocia. A atmosfera non vota. A temperatura non ten ideoloxía. O calor que dilata carrís, colapsa hospitais, dispara as vendas de ventiladores e obriga a durmir en parques non distingue entre esquerdas e dereitas. Os glaciares que desaparecen, o permafrost que se desconxela, as DANAs que se intensifican, os furacáns que se volven máis violentos e os megaincendios que arrasan forman parte dun mesmo sistema físico que se está desestabilizando.
Galicia, territorialmente protexida polo seu clima atlántico, xa non é unha excepción. As ondas de calor son máis frecuentes, os incendios máis intensos, as secas máis prolongadas. A transición enerxética non é unha opción ideolóxica, senón unha condición de supervivencia. E a adaptación climática non é un luxo, senón unha obriga.
A pregunta non é se o cambio climático existe. A pregunta é canto tempo tardará a política en aceptar que a realidade física xa non admite negación nin negociación. Porque cando a estupidez goberna, a natureza sentenza.