Que envexa me segue dando NVIDIA
NVIDIA non se dedica a vender promesas como algunhas startups de garaxe con logo chulo. Vende chips que están en todos os centros de datos do mundo. Vende a pala nesta nova febre do ouro que é a intelixencia artificial.
¡Ei Tecnófilos! Que está a pasar por aí? Que NVIDIA xa vale máis de 4 billóns de dólares e está a piques de alcanzar os 5 billóns. Que superou —sen despeitearse— a Apple, Amazon e Alphabet. Que pasou de ser unha frikada para gamers a converterse no corazón da economía mundial do século XXI. Que fixo que o silicio sexa máis importante que o petróleo. E si… que me segue dando unha envexa que nin che conto.
Hai pouco escribiamos un artigo onde advertiamos que o verdadeiro “ouro negro” do século XXI non é o litio, nin o hidróxeno verde, nin sequera os datos en cru: é a capacidade de procesalos a velocidades demenciais. E aí, amigos meus, NVIDIA xoga noutra liga. Non é que o diga eu, é que o din as súas 4 billóns de razóns bursáteis.
Unha columna de La Voz de Galicia deixaba claro hai unhas semanas: co valor desta compañía poderíase financiar a NASA durante 150 anos, reconstruír Venecia enteira decenas de veces ou, postos a fantasear, pagar 40.000 subscricións de ChatGPT-5 para cada cidadán do planeta. É obsceno. É descomunal. E é, sobre todo, revelador.
Jensen Huang, o seu CEO con pinta de hacker asiático que acaba de saír dun biopic de Silicon Valley, decidiu hai unha década apostar polos chips gráficos non só para videoxogos, senón para alimentar as bestas da intelixencia artificial. Apostou todo ao futuro. E acertou. Mentres Intel miraba cara atrás e AMD loitaba con as uñas por gañar cota en gaming, Huang deseñaba a artillería pesada que hoxe usan OpenAI, Meta, Tesla, Amazon, Google e ata os frikis como nós para xogar coa IA xerativa.
¿E Europa? Ben, grazas. Seguimos investindo en observatorios de ética da intelixencia artificial e decidindo se o 5G dá cancro ou non. Mentres tanto, os americanos (e en breve, os chineses), están repartíndose o taboleiro. Nós nin o vimos montarse.
¿E España? Pois probablemente seguimos debatendo nalgunha comisión parlamentaria se o termo “tecnoloxía” é masculino, feminino ou non binario. Imos tarde. Moi tarde. E o sabemos. Pero iso non impide que admiremos (e envidiemos) a xenialidade empresarial de NVIDIA. Porque o que conseguiu esta empresa é histórico.
Non esquezas que, en 2012, catro enxeñeiros de Toronto —comprados por catro cartos por Google— lanzaban TensorFlow. Hoxe eses modelos funcionan sobre GPU de NVIDIA. ¿Casualidade? Non. Jensen Huang soubo crear non só hardware, senón ecosistema. Soubo conectar os puntos. Soubo ver o mapa cando todos miraban a brúxula.
E o máis impresionante: logrou que NVIDIA sexa hoxe máis importante que o petróleo. O mercado entendeu que sen capacidade de cómputo non hai IA, e sen IA non hai innovación, nin medicina personalizada, nin coches autónomos, nin defensa moderna, nin nada que se pareza remotamente ao futuro.
E non, non é só unha burbulla bursátil. É unha avalancha histórica. NVIDIA non se dedica a vender promesas como algunhas startups de garaxe con logo chulo. Vende chips que están en todos os centros de datos do mundo. Vende a pala nesta nova febre do ouro que é a intelixencia artificial. E xa sabemos o que di a lenda do Oeste: nunha febre do ouro, fáite vendedor de pás.
Así que si…
Que envexa me segue dando NVIDIA.
Porque o fixeron todo ben. Porque apostaron cando ninguén apostaba. Porque demostraron que a tecnoloxía non é un gasto, senón o investimento máis rendible do século. E porque mentres en Europa seguimos rascándonos a cabeza, eles ráscanse o queixo pensando no próximo chip.
Imos tentar aprender algo. Aínda que sexa por dignidade.
¡Se me tecnoloxizan!