Actualizado
A Fiscalía querella contra José Tomé por presunto acoso sexual tras recibir unha denuncia
A Fiscalía Provincial de Lugo considera que os feitos denunciados “están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal”.
O secretario xeral do PSOE de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, atende aos medios en Monforte tras transcender denuncias por supostos casos de acoso contra el / Europa Press
A Fiscalía Provincial de Lugo decidiu interpor unha querela contra o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, quen o pasado mes de decembro dimitiu como presidente da Deputación de Lugo, por “un presunto delito de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública”. A decisión prodúcese tras recibir unha denuncia particular por feitos “supostamente delituosos” cometidos contra unha muller en setembro de 2025.
“Considera a Fiscalía que os feitos están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal, mediante a apertura de unhas dilixencias de investigación preprocesal (DIP) e a interposición de querela, sen ser preciso efectuar ningunha dilixencia de investigación desde a Fiscalía, de xeito que, unha vez xudicializado o asunto, poidan exercer en toda a súa extensión os dereitos de defensa e contradición”, informa o ministerio público.
Dimisión de Tomé
O pasado mes de decembro a dirección Federal do PSOE confirmou que fora presentada unha denuncia por presunto acoso sexual contra José Tomé a través do canal interno habilitado polo Partido Socialista para este tipo de casos.
Tras iso, José Tomé anunciou que presentaría a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo pero mantería o cargo de deputado provincial e de alcalde de Monforte, ambos como non adscrito.
Tomé, que pediu a suspensión da militancia do PSOE, continúa como rexedor pero coa condición de non adscrito. Para gobernar conta co apoio dos concelleiros socialistas en Monforte, que continúan no goberno local.
Precisamente, a semana pasada coñeceuse a renuncia ao cargo da concelleira de Igualdade deste municipio lucense, que deixou a súa acta como edil, un cargo que ocupará o seguinte na candidatura socialista, quen precisamente é o fillo de José Tomé, Miguel Tomé.
Crise no PSdeG
O caso Tomé, ademais, desatou unha crise no PSdeG, e tras esta denuncia, o canal interno do PSOE recibiu outra contra o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, por presuntamente acosar laboralmente como represalia a unha concelleira que denunciara un caso de acoso sexual contra un exedil da corporación local.
Posteriormente, dous ex concelleiros socialistas do Concello da Coruña rexistraron outra denuncia interna, neste caso por acoso laboral, contra a rexidora da Coruña e o seu número dous, Inés Rey e José Manuel Lage, unhas acusacións que a propia alcaldesa tachou de “axuste de contas” das dúas exedís por non ter repetido nas listas.
En medio desta situación, ademais, quen ata ese momento era secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, presentou a súa dimisión como responsable da área no partido crítica coa xestión do caso Tomé, un cargo que ata hoxe continúa pendente, a falta de que a Executiva do PSdeG propoña á nova persoa que o ocupe, que terá que ser ratificada polo Comité Nacional.
Ante esta crise o PSdeG, precisamente, convocou a principios de xaneiro ao seu Comité Nacional, o máximo órgano de decisión entre congresos, unha cita na que o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, explicou a súa xestión dos casos de Monforte e Barbadás e na que a formación acordou a celebración dunha conferencia feminista, que aínda está sen data, pendente de fixarse unha vez se coñeza a data da que o PSOE organizará a nivel estatal.