A Xunta acende as alarmas polo impacto do conflito en Oriente Medio en 600 empresas
A Consellería de Economía mantén unha "comunicación continua" coa oficina do Igape en Dubai e convoca para este martes unha reunión a seis clústeres para valorar a situación das cadeas de subministración e a necesidade de activar axudas.
A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana / Xunta
A onda expansiva do conflito no Oriente Medio tras o ataque de Estados Unidos e Israel a Irán preocupa na Xunta, que se puxo mans á obra para mitigar os impactos económicos que poida xerar a inestabilidade na rexión. Os ollos están postos sobre a situación das cadeas de subministración, e tamén sobre as arredor de 600 empresas galegas que teñen relacións comerciais nesa zona.
O Goberno galego decidiu convocar este martes a mesa de apoio loxístico para avaliar todos estes aspectos. O encontro producirase de inmediato, este martes na sede do Igape, e están chamados a acudir, por agora, o clúster da función loxística, o do granito, Ceaga (automoción), Clusaga (alimentación), Cointega (textil) e Asime (metal).
A mesa de apoio loxístico está prevista no borrador do plan director do sector, pero a Xunta decidiu adiantar a súa posta en funcionamento debido ao conflito no Oriente Medio. Segundo explicou María Jesús Lorenzana, o obxectivo é intercambiar información co tecido empresarial, analizar o impacto nas rutas comerciais e “avaliar medidas concretas de apoio” ás empresas, “se fose necesario”.
En paralelo, a Consellería de Economía estableceu un “contacto continuo” coa oficina do Igape en Dubai, para coñecer diariamente e de primeira man a situación.
Automoción, téxtil e alimentación
Lorenzana recoñeceu que o escenario internacional é “complexo”, tanto pola guerra en Irán como pola postura de Estados Unidos, e as súas repercusións no prezo da enerxía e no transporte marítimo. É este peliagudo escenario o que fai que a Xunta reforce a “vixilancia e acompañamento”, pois Oriente Medio é un mercado “cada vez máis relevante” para Galicia, onde o comercio galego “se triplicou” desde o ano 2000.
Das 600 empresas que na actualidade comercian con Oriente Medio, unhas 200 teñen unha relación comercial “regular” nos últimos catro anos. O volume de negocio total, entre exportacións e importacións, supera os 600 millóns, segundo os datos que deu a conselleira. Lorenzana indicou que os principais países son Emiratos Árabes e Arabia Saudí, con uns 80 millóns de euros de negocio, e “tamén hai outros” relevantes como Israel, “estratéxico” para a Xunta, cun volume de 115 millóns de euros en exportacións.
Os sectores que teñen máis presenza nesta zona son os do téxtil e a automoción e o agroalimentario, pois entre os tres concentran o 90% dos tráficos exportadores e aí é onde quere “concentrar atención e seguimento” o Executivo autonómico.
Temor ao encarecemento da enerxía
O principal “impacto económico” do conflito “non é tanto o directo como o indirecto que se poida producir”, polo mercado enerxético e o encarecemento do transporte marítimo e outras derivadas sobre as materias primas e os seguros loxísticos, segundo evidenciou a titular de Economía. “Poden acabar trasladándose ao prezo final das exportacións e polo tanto á competitividade das nosas empresas”, explicou a dirixente.
A isto, segundo dixo, “hai que sumar e seguir vixilando” a incerteza relativa á postura de Estados Unidos, un “mercado importante pero non nin moito menos principal”. Lorenzana lembrou que as vendas a este país se reduciron un 32% o último ano, de modo que pasou de representar o 2,6% en 2024 ao 1,8% en 2025, “mantendo unha boa cifra comercial de exportacións”. “É unha mostra de como as empresas galegas foron capaces de diversificar e adaptarse á situación con Estados Unidos”, reivindicou.