BNG e PSdeG rexeitan o plan anticrise da Xunta pola guerra: “Chega tarde, mal e cos pés arrastrados”
Ambos partidos consideran que o paquete de medidas “chega un mes despois de que comezaran a bombardear Irán” e consideran que as propostas que inclúe "son unha vergoña, pura rutina e programas xa previstos".
Pleno do Parlamento galego. Europa Press
O plan de medidas anticrise da Xunta para paliar os efectos do conflito bélico en Irán non convence á oposición. BNG e PSdeG calificaron de “vergoñentas” e “insuficientes” as medidas anunciadas por Alfonso Rueda.
En rolda de prensa tras a xunta de portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do Debate de Estado da Autonomía, a viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil criticou a “desidia” do Executivo autonómico que, na súa opinión, “chega tarde, mal e cos pés arrastrados”.
Nesta liña, reprochou que anuncien un paquete de medidas “un mes despois de que comezaran a bombardear Irán” e, ademais, as propostas que inclúe “son unha vergoña, pura rutina e programas xa previstos”.
Entre outras cousas, Rodil lamentou as medidas propostas para tratar de axudar ao sector primario. “Que propón Rueda para axudar a un gandeiro galego? Que compre outro tractor. E para un mariñeiro, cambiar o sistema de refrixerado no porto? E a todas as galegas e galegos, que modifiquemos a eficiencia enerxética das estacións de autobuses”, censurou.
Tamén criticou á Xunta que “unha das grandes medidas sexa promocionar Galicia como destino turístico”, con cinco millóns para vender a comunidade como “refuxio de tranquilidade fronte á masificación doutros destinos mediterráneos”.
“Están a matar xente en Irán, no Líbano, ao pobo palestino… e a proposta nese paquete de medidas do Goberno de Rueda é aproveitar a crise xeopolítica actual como unha oportunidade de mercado. É indecente, inhumano, indignante. Sería un mal chiste se non falásemos da vida das persoas, no Oriente Medio e das traballadoras galegas que pagan as consecuencias da guerra”, insistiu.
“Medidas insuficientes”
Do mesmo xeito, a viceportavoz do PSdeG Lara Méndez, preguntada sobre se as medidas da Xunta deberían conter axudas directas, criticou que a partida “é insuficiente”.
Recordou que o Goberno central “puxo enriba da mesa máis de 5.000 millóns”, así como o destinado por outros territorios como Euskadi ou Murcia.
“No caso da Xunta, deses 157 millóns, a maior parte van para financiamento a través de crédito en lugar de axudas directas, o que realmente repercute no peto dos galegos”, resumiu.
Críticas “previsibles”
Por outra banda, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos, sinalou que as críticas da oposición lle parecen “previsibles”, posto que “fan sempre as mesmas críticas antes e despois de valorar as medidas”.
Por iso, pediu aos galegos afrontar “con certa confianza” a situación que se vivirá a raíz dos efectos da guerra en Irán, lembrando que o Goberno autonómico “xa superou a crise máis importante da nosa historia, a pandemia máis dura e a crise provocada pola guerra en Ucraína”.
“En todas esas ocasións recibimos a crítica despiadada da oposición e en todas as ocasións saímos máis reforzados que a inmensa maioría das comunidades do noso entorno”, reivindicou antes de instar aos galegos a “confiar nun goberno que en tempos difíciles mostrou ter pulso firme e visión clara para as dificultades”.
Así mesmo, insistiu en que os populares están “en contra da guerra”, que produce “morte e unha situación económica indesexable”, polo que pediu “cordura”.
“Tan lamentable é facer unha guerra por motivos equivocados como utilizar as súas consecuencias de xeito espurio e con fins electoralistas. Lamento que esa sexa a actitude que levan a cabo os grupos da oposición en Galicia”, manifestou.
Cuestionado sobre se as medidas da Xunta deberían incluír axudas directas, Pazos Couñago argumentou que non se sabe “cando se vai prolongar esa situación” e que as medidas “son vivas” e plantexaranse “en función da evolución”.
“Teño confianza nas medidas que tomou o Goberno galego porque ten o aval de 15 anos xestionando enormes dificultades. Confiemos porque gañaron a nosa confianza”, enfatizou.