O plan anticrise da Xunta pola guerra mobiliza o Igape e céntrase na agricultura, pesca e enerxía
Ao plan de 157 millóns activado pola Xunta súmanse uns 120 millóns de euros que deixará de ingresar en impostos polo paquete de medidas aprobado polo Goberno central, polo que cifra o global de achega desde Galicia en 277 millóns.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Xunta
O Consello da Xunta aprobou este luns un plan anticrise, con un total de 20 liñas de actuación, por 157 millóns de euros fronte aos efectos da guerra no Oriente Próximo. O presidente Alfonso Rueda subliñou que se busca “atender aos sectores que están a experimentar neste momento máis dificultades e ás familias máis vulnerables”.
Este plan inclúe 62 millóns relativos a préstamos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a empresas afectadas, 45 millóns con axudas específicas para o sector primario (25,5 millóns para o sector pesqueiro e 19,4 millóns para o agrario); 39,3 millóns de euros para eficiencia enerxética; 6,2 millóns para familias vulnerables e 5 millóns para o sector turístico.
Un plan adicional
A isto suman uns 120 millóns de euros que a Xunta deixará de ingresar en impostos polo plan aprobado polo Goberno central en impostos compartidos, polo que cifra o global de achega en 277 millóns. Algúns dos obxectivos que se persegue son paliar o impacto dos custos enerxéticos, reforzar as cadeas de subministración, realizar investimentos en eficiencia e protexer os fogares ante a inflación enerxética. O Goberno galego xustifica estas medidas en base ás reivindicacións dos sectores afectados cos que se reuniu nos últimos días.
Un dos puntos que recolle este plan é resolver expedientes nun prazo máximo de 10 días para garantir a tramitación acelerada para solicitudes de financiamento empresarial. Haberá unha axilización administrativa para proxectos estratéxicos nos ámbitos de enerxías renovables, industria verde, dixitalización e TIC.
Fogares vulnerables
No que respecta á protección de fogares vulnerables, recolle máis de 6 millóns de euros para moratorias, aprazamentos e condonación parcial de alugueres de vivendas públicas. Axilizarase o pago de medidas para fogares vulnerables, como o Bono Social Térmico, a Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) e as axudas de emerxencia social.
Tamén se inclúe a revisión dos contratos públicos de transporte regular e escolar para que a suba de custos non se traslade ao prezo final. A Administración autonómica aposta por avanzar cara a un modelo de maior autosuficiencia enerxética, con preto de 40 millóns de euros para, entre outras iniciativas, rehabilitar edificios para mellorar a súa eficiencia enerxética.
Tamén impulsará o autoconsumo colectivo en polígonos empresariais, onde o consumo é intensivo e o impacto da inflación enerxética afecta directamente. E fomentarase a constitución de comunidades enerxéticas, para que os grupos de veciños, pemes ou entidades locais poidan asociarse para xerar e consumir a súa propia enerxía.
Da agricultura e pesca ao turismo
Nos 25,5 millóns para o sector pesqueiro enmárcase a modernización de infraestruturas portuarias, lonxas e cadea de frío para mellorar a eficiencia operativa e reducir custos. Así mesmo, apoiarase proxectos que incrementen o valor engadido da produción pesqueira mediante investimentos en transformación, comercialización, diferenciación de produto, certificación de calidade e economía circular.
O sector agrario recibirá 19,4 millóns para a modernización das explotacións mediante a incorporación de tecnoloxías de agricultura de precisión, así como de maquinaria e mellora da eficiencia, coa redución da dependencia de insumos externos.
Dentro destas axudas, destaca a achega de 10,8 millóns para a estratexia de promoción agroalimentaria, especialmente para impulsar iniciativas orientadas ao fortalecemento das cadeas curtas de comercialización, á valorización do produto local e á diferenciación nos mercados.
Outra partida será a de 5 millóns de euros para promocionar Galicia como “refuxio de tranquilidade e autenticidade fronte á masificación doutros destinos mediterráneos”, di a Xunta, co fin de fomentar “a riqueza natural, o Camiño de Santiago e a calidade gastronómica da comunidade como elementos diferenciais”.
As peticións de Corgos
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, realizou diferentes peticións ao Goberno central neste contexto, que pasen por unha flexibilización da regra de gasto e da execución dos fondos do mecanismo de recuperación (para poder destinar remanentes a liñas de eficiencia enerxética, autoconsumo e apoio a fogares), así como un decreto lei de revisión excepcional de prezos de contratos para “evitar unha paralización de obras públicas”, entre outras cuestións.
Requírese que se acorde coas comunidades autónomas a distribución do custo dos menores ingresos fiscais polas rebaixas tributarias. Tamén pide flexibilización de fondos europeos como Feder, Fondo Social Europeo, fondos de transición xusta, Fempa e Feader. E ademais reclama “un incremento excepcional da taxa de financiamento ata o 100% nas medidas anticrise financiadas con fondos europeos” e para acelerar execucións prioritarias.
“A crise é excepcional e as medidas que se adopten tamén deben selo”, afirma o conselleiro. Por iso, pide ao Goberno central maior “intensidade de apoio” aos sectores máis afectados, ademais dun reforzo do Fondo de Compensación Interterritorial. A Xunta defenderá medidas extraordinarias ante a UE debido ao alcance da crise enerxética, “semellante ás activadas” tras a pandemia e a guerra de Ucraína.
Corgos compromete que haberá un “seguimento continuado” con informes trimestrais sobre estas medidas con indicadores de execución, nunha “primeira rolda de medidas dinámicas”.
“Tensións de tesouraría”
O conselleiro de Facenda tamén reprochou ao Executivo central a falta de actualización das entregas a conta do sistema de financiamento, que xeran “tensións de tesouraría”, xa que Galicia “recibe cada mes 183 millóns de euros menos dos que lle corresponden”.
Calcula que supón uns 8 millóns de euros en intereses a Galicia ao ano “para cubrir este desfase”, “e subindo”. E é que advirte que estes gastos “incrementaranse de aquí a finais de ano”.