Lorenzana defende unha transición enerxética coherente e sen dogmatismos
A conselleira de Economía asegura no Parlamento que as transicións deben ser graduais, “e non poden levar a que unha parte da poboación non poida chegar ao fin de mes, ou unha parte das empresas non poidan sufragar os custos enerxéticos", di.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no Pleno do Parlamento de Galicia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu este mércores que a transición enerxética debe ser coherente e compatible coa viabilidade económica dos sectores produtivos, sen posturas dogmáticas que condenen ás empresas e á cidadanía. “Estamos totalmente a favor da transición enerxética e da loita contra o cambio climático, pero as transicións deben ser graduais, e non poden levar a que unha parte da poboación non poida chegar ao fin de mes, ou unha parte das empresas non poidan sufragar os custes enerxéticos”, dixo en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento.
Reprochou, nesta liña, a “oposición sistemática” a calquera proxecto industrial que poida permitir avanzar na descarbonización, e que se fale de sensibilización “mentres se alimenta a desinformación”. “O mellor plan social que se pode propoñer é que existan industrias onde vaian as persoas a traballar”, manifestou.
O papel de Madrid
Na súa intervención, Lorenzana sinalou, por outra banda, que a transición enerxética en España “requiere dunha serie de elementos que dependen do Goberno central”. “É imposible que esa transición e esa electrificación teñan lugar se non somos quen de reforzar a rede de transporte“.
Sen saír do Parlamento, o deputado do BNG José Manuel Golpe atribuíulle á Xunta “unha mala copia” da súa proposta de tarifa eléctrica galega e María Jesús Lorenzana respondeu ironizando con “que difícil o ten agora” a formación nacionalista “para opoñerse” á política enerxética do Goberno galego.
Enredo co BNG
Golpe interpelou á conselleira no pleno do Parlamento, onde apuntou ao parque eólico de Mondigo, na provincia de Lugo, para avisar que as familias “van ser excluídas dos beneficios –o desconto do 80% do que fala Recursos de Galicia— porque a Consellería de Industria esqueceu incluír ás comercializadoras de referencia dentro deses acordos”.
Na súa resposta, a conselleira, que comezou e rematou recalando “que difícil o ten agora o BNG coa política enerxética da Xunta de Galicia”, viu “moi ben descrito” o escenario actual da transición enerxética e tamén asegurou coincidir con varias cuestións das plantexadas polo deputado.