Rueda “celebra” o traslado do xuíz Villares da sección que leva os eólicos se “garante a imparcialidade”
O presidente da Xunta reduce a “cambios organizativos” o “traslado forzoso” do que foi líder de En Marea da sección terceira, que paralizou decenas de proxectos eólicos de forma cautelar.
O maxistrado Luis Villares na súa etapa como líder da formación política En Marea
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reduce a “cambios organizativos” a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), María Azucena Recio González, de realizar o traslado forzoso dos xuíces Luís Villares e María Dolores López López da sección terceira da Sala do Contencioso, que paralizou decenas de proxectos eólicos nos últimos tempos, para pasar á sección cuarta.
“Garantir a imparcialidade”
“Non valoro esa decisión, simplemente remítome a que o tribunal argumentou que a reorganización do Tribunal Superior de Xustiza servía para garantir a imparcialidade da sala. Polo tanto, se esta finalidade se consegue, eu celébroo. Creo que a xustiza ten que funcionar así”, afirmou a preguntas da prensa tras o Consello da Xunta.
Cuestionado polos medios, afirmou non querer valorar o que cualifica de “unha decisión interna que se toma de organización do Tribunal Superior”. “Frente ao que algúns dixeron, non me van escoitar a min dicir nunca nada diso”, sostén.
Diferenza co resto de España
Así, defendeu que a Xunta “discutiu” sentenzas sobre eólicos coas que non estaba de acordo, xa que critica a “diferenza que supoñía que no resto de España non se estivese producindo esa actividade paralizadora que se estaba producindo aquí”.
Rueda apunta a que o Tribunal Supremo “deu a razón” á Xunta nos seus recursos en catro ocasións. “O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a unha proposta desa propia sección, tamén lle dixo que non estaba actuando adecuadamente”, engadiu.
“Ao contrario do que fan algúns partidos políticos que, cando cren que lles convén os procedementos xudiciais, gústalles todo moito; cando non, critican directamente aos xuíces ou xuízas que emiten eses pronunciamientos e non as sentenzas”. “Iso non lle fai ningún favor á xustiza e, por iso, non vou facer ningún outro comentario”, apostilou.
Incide en que a intención do Goberno galego “é que non se producise esa paralización” no sector eólico. “Hai moitos que paralizamos nós directamente porque non os autorizamos”, indica. “Cando un parque se autoriza é porque cremos que cumpre a normativa para que esa autorización poida ser outorgada”, conclúe Rueda.
Polémica
Nun acordo con data do 12 de marzo de 2025 –á semana de tomar posesión–, a presidenta da Sala do Contencioso decidiu reestruturar esta sección terceira con base en sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo, nas cales “considera que resultou vulnerado o dereito fundamental a un xuíz imparcial” por parte de Villares, que “se pon en relación coa intervención en política” de quen foi líder de En Marea.
Precisamente, dáse a circunstancia de que Recio conseguiu esta praza á que tamén aspiraba o maxistrado Villares, sobre quen di agora que a súa “imparcialidade foi sometida a valoración xudicial polo Tribunal Supremo”.
Esta decisión levantou a polémica, xa que Xuízas e Xuíces para a Democracia mostrou a súa “preocupación” polos “inusuales” traslados forzosos “de tanta envergadura” na sección terceira porque “poden afectar ás garantías de inamovibilidade e independencia xudicial”.
Denunciou un “desmantelamento” da sección terceira, “mediante o traslado forzoso de sección de dous dos catro maxistrados que formaban parte” desta, substituídos por un novo maxistrado e unha nova maxistrada de recente incorporación á Sección 4ª da Sala do Contencioso do TSXG.
Así mesmo, Xuíces para a Democracia lembraba que esta sección “foi obxecto constante de presión mediática e política polas súas resolucións relativas á autorización de parques eólicos”.