O xuíz Luís Villares, apartado de «forma forzosa» da sección do TSXG que tramita os casos sobre eólicos
A nova presidenta da sala do contencioso-administrativo, á que o ex líder de En Marea disputou o cargo, decidiu o seu traslado á sección cuarta para “salvagardar a imaxe da institución e a imparcialidade da sala”.
O maxistrado Luis Villares na súa etapa como líder da formación política En Marea
O xuíz Luís Villares, que no pasado foi líder no Parlamento galego da formación política En Marea, foi apartado da sección terceira da sala do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de forma “forzosa”. A mesma tramita a maioría dos procesos relacionados coas denuncias sobre parques eólicos na comunidade así como a causa aberta pola xestión público-privada do hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo.
Non é a primeira vez que promotores eólicos puxeron a Villares no punto de mira das súas críticas, solicitando a súa recusación nalgúns procesos baixo o argumento de que, na súa etapa política, sempre se amosara contrario ao desenvolvemento eólico na comunidade.
Agora, e segundo adiantou a Cadena Ser, foi apartado da sección terceira por unha decisión da nova presidenta da sala do contencioso-administrativo, María Azuzena Recio, á que disputara sen éxito ese cargo. Xunto a el foron trasladados outros tres maxistrados máis.
Xuíces pola Democracia
Recio tomou posesión do cargo o pasado 6 de marzo e uns días despois tería decidido o práctico desmantelamento da sección terceira actual, que nos últimos tempos procedera a aprobar numerosas suspensións cautelares na construción de parques eólicos, un feito que foi criticado incluso pola propia Xunta de Galicia.
A decisión foi criticada pola asociación de Xuízas e Xuíces pola Democracia, que sostén que a sección terceira agora “desmantelada” foi obxecto de “constante presión mediática e política polas súas resolucións relativas á autorización de parques eólicos”.
“Queremos chamar a atención do inusual dun traslado forzoso de tanta envergadura como o producido e as formas coas que se realiza.
No caso que nos ocupa, este traslado forzoso de catro maxistrados/as afecta á composición e funcionamento de dúas das catro seccións da Sala, e foi adoptado sen audiencia previa nin consultas informais nin ás persoas afectadas nin aos presidentes das respectivas seccións”, asegura a asociación.