O BNG ve “o poder das eléctricas e do PP” tras a saída do xuíz Villares das causas dos eólicos
A deputada Olalla Rodil considera “arbitraria e inxustificada” a decisión de “cambiar por completo” a sección terceira da sala do Contencioso-Administrativo, encargada dos procesos relacionados coas autorizacións de parques eólicos.
A vicevoceira parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, nunha imaxe de arquivo / Europa Press
A vicevoceira parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, criticou a decisión “absolutamente arbitraria” e “injustificada” que “compromete a independencia xudicial” ao “cambiar por completo” a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), encargada de cuestións como as autorizacións de proxectos eólicos.
“É evidente que xa nin esconden como o poder das eléctricas e os tentáculos do PP inxeríndose na xudicatura son cada vez máis extensos”, reprocha.
Saída forzosa de Villares
O maxistrado Luís Villares, que no pasado foi líder no Parlamento galego da formación política En Marea, foi apartado da sección terceira da sala do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de forma «forzosa». Xunto a el outros tres maxistrados máis tamén foron recolocados nunha decisión tomada pola nova presidenta da sala do contencioso-administrativo, María Azuzena Recio, á que o expolítico disputou o cargo.
A sala terceira do contencioso tramita a maioría dos procesos relacionados coas denuncias sobre parques eólicos.
A decisión foi criticada pola asociación de Xuezas e Xueces pola Democracia, que sostén que a sección terceira agora “desmantelada” foi obxecto de “constante presión mediática e política polas súas resolucións relativas á autorización de parques eólicos”.
“Cambia por completo a sección terceira”
En declaracións remitidas aos medios este mércores, a deputada nacionalista dixo que o Bloque comparte os reproches de Xueces pola Democracia a esta decisión, pois “non é un maxistrado en concreto”, senón que “cambia por completo na súa integridade a sección terceira” desta Sala do TSXG.
Repróbaa que “se move o seu posto de traballo sen xustificación ningunha a todas as persoas que estaban a desenvolver o seu traballo con absoluta normalidade”.
Rodil tamén escribiu un tuit no que sostén: “O PP en Galiza, máis desatado e botado ao monte que nunca, quitando xueces do seu posto de traballo porque lle estorban na súa política de depredación. Demoqué?”.