Rueda prevé un golpe de 120 millóns nas contas da Xunta pola guerra en Irán
Alfonso Rueda cargou contra o Goberno por aprobar un plan anticrise sen falar previamente coas comunidades e subliñou que se trata dun "esforzo compartido", xa que a Xunta deixará de recadar 40,2 millóns ao mes en concepto de IVE e impostos especiais.
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, comparece ante os medios tras o Consello da Xunta. – XUNTA
Alfonso Rueda pon números ao impacto da guerra en Irán sobre as contas públicas galegas. O presidente galego queixouse este luns de que o Goberno central aprobase o plan de medidas anticrise para paliar os efectos pola guerra de Irán sen falar coas comunidades e reivindicou que se trata dun “esforzo compartido” con administracións como a autonómica.
E é que, segundo os seus cálculos, este plan terá un impacto de 120,6 millóns de euros durante os tres meses de vixencia. Segundo Rueda, o que deixaría de ingresar a Administración autonómica serían uns 40,2 millóns de euros ao mes: 23 millóns polo descenso da recadación do IVE, 7,7 millóns de euros polo imposto especial sobre hidrocarburos e 9,5 millóns polo imposto especial sobre electricidade.
“Somos perfectamente conscientes de que as persoas neste momento necesitan que se lles axude coa redución de custos, pero tamén de que xa é un esforzo compartido e de que o lóxico era telo debatido, non coñecelo como se coñece o venres”, advertiu.
Xunta prepara outras medidas autonómicas que pechará e dará a coñecer en breve para sectores especialmente afectados polos efectos deste conflito, o presidente destacou que os galegos “teñen que saber que xa existe un esforzo” da Xunta. “Isto non é un esforzo do Goberno central, é un esforzo das persoas cos seus impostos e un esforzo compartido”, rematou.