BNG e PSdeG ven o peche do caso Altri como unha vitoria para Galicia e un revés para o Goberno de Rueda
Ana Pontón sinala que é “un gran día” no que “venceu a dignidade” mentres que o Gómez Besteiro celebra o arquivo dun proxecto que o territorio "nin quería nin necesitaba".
Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro
BNG e PSdeG aplauden o inicio do arquivo do proxecto de Altri por parte da Xunta, algo que cualifican como un “triunfo” para Galicia. Os nacionalistas colocan á cidadanía no centro e os socialistas, ás “negativas” do Goberno. Tamén o consideraron como unha “derrota” para o Executivo de Alfonso Rueda e o seu modelo industrial.
A portavoz nacional do BNG celebrou este venres como “un gran día”, no que “venceu a dignidade”. Ana Pontón sinalou que este é un “gran triunfo da cidadanía”, de xeito que enalteceu as numerosas mobilizacións sociais dos últimos anos, ademais de mostrarse “orgullosa” do papel xogado pola súa formación.
“Hoxe podemos dicir que o pobo é quen máis ordena. O pobo dixo alto e claro: ‘Altri non, Galicia si'”, expresou, xusto antes de cargar contra a Xunta. “É un gran día porque tamén é unha derrota ao Goberno do PP que defendía o espolio dos nosos recursos e a contaminación do noso territorio por riba das persoas”, censurou.
“Franquismo industrial”
Nesta liña, cargou contra o “franquismo industrial” que, ao seu xuízo, promoven os populares e, en contraposición, defendeu un modelo baseado en proxectos que sexan “de vangarda, que coiden o medio ambiente e xeren riqueza, emprego e futuro”.
Pontón destacou a oposición exercida ao proxecto polo BNG, que cre que foi “a voz” da cidadanía que compartía “a necesidade de frear a Altri” e que “acompañou” o tecido social formado por veciños e veciñas das comarcas afectadas, plataformas en defensa do territorio e o sector agrogandeiro e do marisqueo, entre outros.
“A presión social sostida condiciona as decisións de gran alcance. Este triunfo da xente non é unha concesión do PP, senón o resultado dunha mobilización constante”, concluíu a líder nacionalista.
O arquivo do proxecto de Altri e as “negativas” do Goberno
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén celebrou como unha “vitoria para Galicia” o “peche” deste proxecto, que, nas súas palabras, o territorio “nin quería nin necesitaba”.
O líder dos socialistas galegos coincidiu con Pontón en que este paso dado polo Goberno galego é “a constatación do fracaso da política industrial de Rueda”. “Ten que pedir perdón polo apoio a este proxecto frustrado e frustrado desde os seus inicios”, dirixiuse ao presidente, ao que chamou a “explicar con claridade que compromiso adquiriu coa empresa”.
Seguidamente, vinculou esta “marcha atrás” ás “negativas” dadas polo Goberno central debido a que “non cumpría” os estándares económicos, medioambientais e sociais.
Neste sentido, referenciou un “triplo ‘non'”: ás axudas asociadas ao PERTE de descarbonización; ás axudas extraordinarias porque “non era un proxecto innovador”, e a exclusión na planificación eléctrica, á que precisamente a Xunta aludiu ao anunciar o inicio do arquivo.
“A pesar de todas esas ratificacións, a Xunta alimentou durante meses esa expectativa”, criticou. Ao mesmo tempo, instou á cidadanía a non instalarse no “relato do medo”, xa que non cre certo que este paso “deixe sen futuro industrial” nin a Lugo nin a Galicia.