O BNG considera «insuficientes» as medidas de Sánchez e pide a «ruptura» de relacións con Israel.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, condena a "represión" ante as protestas na Volta Ciclista a España e pide romper as relacións diplomáticas e económicas con Israel.

Ana Pontón, portavoz nacional del BNG
O BNG lle pide a Pedro Sánchez que dé un paso máis nas súas medidas contra Israel. A voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, esixiu este martes a “ruptura total” das relacións entre España e Israel e expresou o seu apoio ás mobilizacións que se están levando a cabo con motivo da Volta Ciclista a España e a participación do equipo Israel Cycling Team.
“Todo o apoio a un pobo que está expresando a súa indignación ante a pasividade coa que a comunidade internacional actúa ante o xenocidio de Gaza“, manifestou sobre o que cualificou como un “exterminio planificado” que “só ten a indiferenza da Unión Europea e dos países que se consideran a si mesmos democráticos” pero que “miran para outro lado mentres miles de palestinos son asasinados polo Estado terrorista de Israel”.
Neste sentido, Pontón criticou e condenou a “represión” na Volta, onde, segundo denunciou, “estase intentando silenciar estas protestas que eran manifestacións pacíficas e democráticas” e unha mostra clara “de apoio ao pobo palestino”, o que considerou “unha mostra de dignidade ante a inhumanidade do crime que se está producindo en Palestina”.
“Creo que esa dureza, o Goberno do Estado debería deixala para romper de unha vez con todas as relacións, diplomáticas e económicas con Israel”, reclamou despois de advertir que as medidas anunciadas este luns “teñen detrás toda esa presión social e esa dignidade que se está demostrando”.
“Toda a solidariedade con quen defende os dereitos humanos e reclamar de unha vez por todas que os gobernos actúen na mesma medida da gravidade dos feitos que estamos vendo”, afirmou Pontón, que ve “insuficientes” as medidas anunciadas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
“Non basta co Real Decreto de embargo de armas”
Na mesma liña, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, enmarcou a comparecencia de Pedro Sánchez dentro da “crecente presión social” ante o xenocidio, pero advertiu de que é “imprescindible” dar un paso decidido e coherente para poñer fin “a calquera tipo de complicidade coa política de agresión e exterminio” levada a cabo por Israel.
“Está ben que se faga agora o que levamos dous anos reclamando, pero non basta co Real Decreto de embargo de armas. É hora de pasar das palabras aos feitos”, sinalou o deputado do BNG, que instou ao Goberno a romper “todo tipo de relacións” con Israel. Para o BNG non chega con prohibir o tránsito de buques e avións con material bélico, senón que é “urxente” retirar a embaixada española en Tel Aviv; impoñer sancións políticas, diplomáticas e económicas ao Estado de Israel; e expulsar á embaixadora israelí de España, “como única vía para demostrar unha verdadeira aposta polo fin do xenocidio e polo respecto ao dereito internacional”.
Igualmente, os nacionalistas galegos reclaman tamén que o Goberno colabore en todos os mecanismos internacionais, particularmente coa Corte Penal, para que os responsables do xenocidio sexan xulgados por crimes de guerra e crimes de lesa humanidade, de maneira que non haxa impunidade “ante tan graves vulneracións dos dereitos humanos”.