O BNG critica a moratoria do eucalipto: “É un exercicio de maquillaxe político”
A deputada e responsable de Montes e Industrias Forestais, Monste Valcárcel, sostén que a moratoria "abre a porta ao avance do monocultivo de eucalipto"

Archivo – Plantación de eucalipto. – GREENPEACE
Montse Valcárcel, deputada e responsable de Montes e Industrias Forestais do BNG, considera que a prórroga da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta ata 2030 “non é unha solución real, senón un simple exercicio de maquillaxe político”.
Para a deputada, o anuncio feito este xoves polo Goberno galego é “un apaño cheo de excepcións” que, na práctica, “abre a porta ao avance do monocultivo de eucalipto”.
Neste sentido, denunciou que esta especie “segue crecendo sen control, mentres a Xunta non fai públicos os datos reais de superficie e as sancións impostas representan unha mínima parte das infraccións detectadas”.
Tal e como lamentou a nacionalista, o “problema de fondo” é que o Goberno galego, en lugar de apoiar aos propietarios de piñeiros para combater as pragas e recuperar as masas autóctonas, “está impulsando e incentivando a substitución do piñeiro polo eucalipto”.
Ademais, lembrou que este ano arderon en Galicia “máis hectáreas que nunca” desde que hai rexistros e alertou das consecuencias de ter “grandes extensións” de eucaliptos.
Por todo iso, os nacionalistas esixiron nunha nota de prensa partidas “reais, cuantificadas e suficientes para restaurar o bosque autóctono, apoiar a diversificación forestal e frear de verdade o monocultivo”.
“O que está en xogo non é só masa forestal: é o futuro das aldeas, da economía do rural e da identidade de Galiza. Defender o monte galego é defender Galiza”, concluíu Valcárcel.