A Xunta mantén a moratoria ás novas plantacións de eucalipto, pero con excepcións.

A prohibición mantense ata 2030 pero poderanse substituír as masas degradadas e permitirase substituír piñeiros enfermos por eucaliptos.

Plantación de eucaliptos

Plantación de eucaliptos

Fin á incógnita sobre a moratoria que prohibía as novas plantacións de eucaliptos. A Consellería do Medio Rural mantéraa ata 2030, pero “flexibilízaa”, incluíndo dous supostos nos que se permitirá ampliar as plantacións. Primeiro, cando se teñan que substituír masas degradadas. Segundo, tamén se poderán substituír piñeiros enfermos pola especie.

Así o anunciou en rolda de prensa –celebrada esta tarde de xoves en Santiago– a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen defendeu esta decisión co “único fin de aumentar a produtividade” do monte galego e loitar contra o abandono. Asegura que se conseguirá igualmente o obxectivo de reducir as masas de eucalipto coa retirada de unhas 20.000 hectáreas entre terreos de Rede Natura e franxas secundarias próximas a vivendas.

As excepcións

Esta moratoria ao eucalipto, contida na lei de recuperación de terra agraria de Galicia, estableceu a prohibición temporal a novas plantacións desta especie a partir de xullo de 2021 e ata terminar 2025, período que agora se prolonga a 2030 aínda con dúas novidades para crear novas masas –o cal se incluirá na lei de acompañamento aos orzamentos galegos de 2026 que aproba a Xunta este venres antes da súa entrada no Parlamento–.

Por un lado, permitiranse novas plantacións para substituír as existentes degradadas, sempre e cando a parcela inicial se transforme en coníferas ou frondosas e a superficie da nova plantación á que se traslade non supere o 75% do eucalipto que había inicialmente. Esta medida poderá facerse entre diferentes propietarios, o que a conselleira destaca que é unha novidade respecto á lexislación vixente. O outro 25% debe ser obrigatoriamente completado por coníferas ou frondosas.

O segundo dos supostos pasa por ofrecer aos propietarios de piñeiros afectados pola banda marrón substituír ata un máximo do 50% desas plantacións por eucalipto durante un turno de corta. Terase que reforestar o outro 50% restante con calquera especie de coníferas ou frondosas.

O Goberno galego estima que hai unhas 30.000 hectáreas de piñeiro con esta enfermidade. Así mesmo, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, puxo como exemplo de masas degradadas de eucaliptais na comarca de O Morrazo (Pontevedra).

Máis produción na mesma superficie

A conselleira sinalou que para tomar esta medida optouse por “escoitar ao sector”, para o cal mantiveron diferentes reunións no último ano con distintos axentes da cadea, propietarios, empresas ou asociacións, onde se viron “moitas diverxencias”.

O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou o pasado luns, a preguntas da prensa, que se ía tomar unha decisión ao respecto “despois de moitas conversas” e “escoitar moitas opinións, moitas veces encontradas entre elas”.

Xustifica Gómez que o obxectivo é unha “adecuada” xestión forestal, centrada na produtividade “de cada metro cadrado”, garantir a biodiversidade e loitar contra abandono de terras agrarias e forestais. Resume que os propietarios poderán mellorar a súa produción de eucalipto en menor superficie.

Aclara que a Consellería do Medio Rural deberá permitir estas novas plantacións, con un prazo de tres anos para as substitucións. Aclara que estes supostos de replantacións non poden darse en zona de Rede Natura.

Máis de 1.100 sancións

Tamén fixo fincapé en que en 2026 vai “incidir especialmente” na retirada de eucaliptais e outras plantacións non permitidas de franxas secundarias. “Dobraremos esforzos”, resaltou, unido a axudas á reforestación de especies como coníferas.

Garantiza que se perseguen os incumprimentos, xa que levan “máis de 1.100” sancións desde 2022, “a maior parte por non manter distancias a vivendas, vías de comunicación ou plantar en terreos que non están permitidos”.

Fundación Arume

Esta mesma semana, a Fundación Arume, que aglutina a cadea de valor da madeira, insistiu na necesidade de prolongar a prohibición “co obxectivo de garantir unha planificación territorial sostible e coherente coa estratexia do Plan Forestal de Galicia“.

Lembraban á Xunta que, cando se estableceu a actual moratoria no ano 2021, un dos obxectivos recoñecidos polo Goberno galego era cumprir con unha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040: o de rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040, o que implicaría reducir a súa presenza en unhas 20.000 hectáreas.

En troques, os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) de 2023 xa arroxaban un aumento da superficie das plantacións de eucalipto: a superficie cuberta por esta especie ocupa 419.051 hectáreas, o que se traduce nun aumento respecto ao ano 2022 do 1,4%, 6.000 hectáreas máis.

Ao dato do incremento da superficie ocupada polo eucalipto engaden que parte desta expansión ocorre en espazos naturais protexidos, algún tan emblemático como o caso do Parque Natural das Fragas do Eume. Segundo unha investigación recente publicada na Misión Biolóxica de Galicia, nun período de 25 anos constatouse a perda dun 17,6% de bosque autóctono no interior deste espazo protexido, así como un aumento das plantacións de eucalipto. Concretamente, a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2% entre os anos 1997 –ano en que foi declarado parque natural– e 2022.

Ademais, a cadea de valor da madeira solicita a publicación dos datos actualizados do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG).

Cuestionada sobre cando se van publicar os datos de 2024 do inventario forestal, a conselleira explicou que se fará ao longo deste ano.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta