O delegado do Goberno en Galicia reivindica as 80 medidas anticrise: «É unha resposta seria e responsable»
Pedro Blanco defendeu que o Executivo central "está onde ten que estar, ao carón da xente cando máis o necesita" tras aprobar unha batería de medidas coas que se espera mobilizar un total de 5.000 millóns de euros.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en rolda de prensa na Coruña – DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, celebra a batería de 80 medidas aprobada polo Consello de Ministros na súa reunión deste venres. A través dun comunicado remitido aos medios de comunicación, Blanco subliñou que o Executivo central “está onde ten que estar, ao lado da xente cando máis o necesita”.
O Goberno de Pedro Sánchez aprobou 80 medidas que, segundo os seus cálculos, mobilizarán 5.000 millóns de euros e beneficiarán 20 millóns de fogares e tres millóns de empresas. Trátase, segundo Pedro Blanco, dunha resposta “seria e responsable” para conter os prezos, apoiar os sectores máis afectados e protexer os fogares, especialmente os máis vulnerables.
O delegado destacou o “traballo constante” do Goberno, “á altura en cada momento que é necesario”, xa que, asegurou que “fixérono na pandemia, na crise enerxética e na guerra de Ucraína”.
“E volvémolo facer agora, activando todos os recursos para dar resposta aos efectos económicos e sociais dunha crise que non provocamos, pero que ten consecuencias para a cidadanía”, sinalou.
Con todo, afirmou que o Goberno “vai seguir traballando para aliviar esta situación” nas carteiras dos galegos, incidindo en que se adaptarán as medidas en función da evolución do contexto internacional.