Pontón e Besteiro denuncian «neglixencia e incompetencia» de Rueda cos lumes e piden a súa dimisión

Os líderes da oposición acusan a Rueda de chegar tarde á crise dos incendios e de dedicar un investimento insuficiente aos traballos de prevención.

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón y el diputado del PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, durante la firma de un acuerdo para la investidura del presidente del Gobierno en funciones, en el Congreso de los Diputados, a 6 de noviembre de 2023

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón y el diputado del PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, durante la firma de un acuerdo para la investidura del presidente del Gobierno en funciones, en el Congreso de los Diputados, a 6 de noviembre de 2023, e – Eduardo Parra – Europa Press – Archivo

Os líderes da oposición elevan o ton contra o presidente da Xunta a conta da vaga de incendios deste verán. A voceira do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamaron este martes a dimisión de Alfonso Rueda, ao que tildaron de “incompetente” pola xestión desta crise.

Nos turnos de réplica á comparecencia do máximo mandatario autonómico no Parlamento de Galicia, no que é o primeiro pleno do curso político tras o verán, Pontón e Besteiro afearon a Rueda que vistese durante a crise dos lumes o “chaleco da incompetencia”.

Na súa intervención, a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, sostivo que a vaga de incendios é “consecuencia directa” da “incompetencia política” de Rueda. “E por iso debe dimitir”, dixo. “¿Se vostede non é responsable de nada para que o queremos? ¿Para que lle pagamos o soldo?”, preguntouse Pontón, que asegurou que a “maior contribución” á crise do lume feita por Rueda foi “poñerse o chaleco da incompetencia” nunha “escalada propagandística para tapar a súa incompetencia”.

Neste sentido, a líder dos nacionalistas galegos censurou que “mentres os galegos vían na pantalla do seu móbil como ardían miles de hectáreas”, a TVG “estivese convertida en Tele PP” durante unha xestión na que o Goberno da Xunta “ignorou” as recomendacións dos expertos. “E o resultado da súa incompetencia e da súa propagada é un drama, unha catástrofe”, incidiu.

Como segundo punto do “manual de manipulación” do PP, Pontón citou a técnica de “botalas fóra”. “Todos son responsables menos vostedes, que casualmente teñen as competencias en ordenación e xestión do monte, en desenvolvemento rural, en extinción e en prevención”, afirmou.

A xuízo de Pontón, “esta actitude é a maior declaración de inutilidade” dun Rueda á fronte dun Goberno galego que “desde o ano 2009, por sectarismo político foi desmantelando todas as medidas que se puxeron en marcha en prevención e ordenación”. “Quen quita os recursos e servizos ao medio rural é vostede”, trasladoulle ao presidente.

Nesta liña, acusou á Xunta de deixar “11 millóns de euros en medidas de extinción sen executar, incluídas as faixas de protección en parroquias de máximo risco”, así como aos “recortes no dispositivo”. “Un dispositivo máis pequeno e que, por riba, non estaba operativo ao 100% en época de máximo risco”, afirmou. “¿Pode ser máis incompetente, señor Rueda? ¿Onde estaba vostede mentres Galicia ardía? ¿En moto? ¿De festa en festa? Si, si, ou na Praza de touros de Pontevedra con Feijóo e Rajoy”, censurou para acusar a Rueda de “chegar tarde”. “Tardou cinco días en poñerse o chaleco da incompetencia”.

Tras iso, pediulle que “recoñeza” que “houbo fallos” na coordinación das brigadas que chegaban a “estar incomunicadas” e que “moitos alcaldes, alcaldesas, veciños e veciñas estiveron sos traballando ás cegas contra o lume, que houbo motobombas paradas por falta de persoal ou medios averiados…”. “Ante esta cadea de neglixencia e incompetencia, ¿cando pensa dimitir?”, insistiu para asegurar que “quen é parte do problema, non pode ser parte da solución”.

Besteiro denuncia que Rueda tardou “12 días en aparecer”

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que “só hai un camiño”, que pasa pola “dimisión” dun Rueda que se mostrou “no exercicio das súas competencias como un perfecto incompetente”. “Todo o que dependía de vostede mostrouse incompleto, a medias, ineficiente ou abandonado. Non estábamos preparados, por moito que vostede presumise en incontables ocasións de que todo estaba perfecto”, sinalou.

Así mesmo, sostivo que “ninguén” lle compra á Xunta o “relato de que os incendios son inevitables”. “Porque o que si se pode facer, e vostede non o fixo, é anticiparse”, sostivo para facer un relato cronolóxico e criticar que Rueda “tardase 12 días en aparecer” e cambiase o seu ton institucional “cando Feijóo apareceu en Galicia” para “repartir culpas e falar de terrorismo incendiario”. “O seu comportamento no mes de agosto volveu poñer de manifesto unha sombra que o persegue desde que vostede é presidente da Xunta. Unha sombra negra. A do seu predecesor, Núñez Feijóo, que unha e outra vez se interpón entre vostede e os intereses de Galicia”, trasladou.

O líder do PSdeG lembroulle ao presidente do Goberno galego que “ten todas as competencias”. “As de previr, as de apagar e as de coordinar”. “E en todas fracasou”, lamentou nunha intervención na que lembrou que en 2018 a Cámara galega aprobou 123 medidas para previr os incendios que a Xunta tiña “obrigación de aplicar” pero “non o fixo” nun contexto onde a lei galega de incendios segue “nun caixón”. “O resultado, que Galicia se afronta hoxe a lumes extremos coa mesma falta de planificación e prevención que hai sete anos”, lamentou.

Besteiro, que acusou á Xunta de “marxinar” á provincia de Ourense, censurou que Rueda pedise 200 militares cando deixa 200 prazas do dispositivo anti incendios “sen convocar”. Ademais, reprochou que a Xunta anuncie agora convocatorias como “quen quere sacar o carné de conducir despois de ter un accidente”.

“Este é o seu balance. Un fracaso, que é o mellor aliado dos incendios”, indicou para reprochar tamén que Rueda “aparecese co chaleco de emerxencias e a barba en cuarto crecente” nunha TVG “usada de novo como medio particular de propaganda do PP”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta