Roda vincula o rexeitamento de Pedro Sánchez á guerra a «intereses electoralistas»
O presidente da Xunta critica que o Goberno español "queira ir por libre" e amose "unha postura diferente" ao resto de aliados europeos.
Alfonso Rueda en Bruxelas / Xunta
Alfonso Rueda rexeitou este mércores as ameazas de Donald Trump cara a España, nun discurso dedicado fundamentalmente a criticar a postura do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. O dirixente galego, de feito, considerou que a posición de Sánchez contra o ataque de Estados Unidos e Israel a Irán responde a cálculos electorais, ata o punto de pedirlle que “pense nos intereses do país, non nos intereses do seu partido ou nos intereses electoralistas persoais”.
“Ameazas a España, ningunha. Pero que por simple cálculo electoral que, na miña opinión, é o que move ao presidente Sánchez a facer estas declaracións, por simple interese partidista, falar en nome de todo un país, apartarse completamente sen falalo con ninguén do que é unha postura común da alianza na que estamos, creo que neste momento é algo moi complicado e que pode ter consecuencias moi malas para España”, advertiu.
O presidente da Xunta lamenta, precisamente, que se pretenda “ir por libre” e se mostre “unha postura diferente aos demais” cando se está no marco dunha “alianza”. “Neste mundo e a estas alturas, hai que ser consciente de que isto non é así”, dixo. Tamén apuntou que non lle gustaron as “ameazas do presidente Trump” e reivindicou que é “fundamental” que teña “un respecto” por España.
Unha postura común
Sobre o impacto económico e se se abordara no marco da reunión que mantivo cos presidentes das delegacións nacionais e a presidenta do Comité Europeo das Rexións, Kata Tutto, Rueda replicou que neste caso o encontro mantivo o foco na posición ante o novo marco financeiro plurianual da UE. “Era para preparar o pleno desta tarde, fixar unha postura común, que non é doado porque somos moitas rexións pertencentes a diferentes países, pero ao final chegamos a un acordo. A postura común é o que nos dá forza, todo o contrario do que decidiu facer o presidente Sánchez”, esgrimiu o presidente galego.
“Falamos da necesidade de escoitarnos entre todos, pero fixar unha postura común e, desde logo, tamén debería aplicalo o presidente Sánchez á hora de decidir cousas en política exterior tan graves e que poden ter tantas consecuencias”, concluíu.