Actualizado
A Xunta defende a transferencia da AP-9 pero rexeita “asumir unha débeda de 4.000 millóns”
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lamenta que tanto o BNG como o PSOE “deran un paso atrás nun asunto tan importante para Galicia”.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue – Xunta – Arquivo
María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, sinala que a Xunta “por suposto” quere a transferencia a Galicia da autoestrada AP-9, pero advirte que non pode “asumir unha carga hipotecaria de 4.000 millóns”.
Así o apuntou en declaracións aos medios de comunicación coincidindo cun acto en Pontevedra, nas que lamentou “que tanto o BNG como o PSOE deran un paso atrás nun asunto tan importante para Galicia como é a transferencia da AP-9”.
“Porque o que hoxe se debate non ten nada que ver co que pedimos os galegos e foi aprobado por unanimidade no Parlamento”, subliñou.
“4.000 millóns que non corresponde asumir aos galegos”
Neste sentido, reiterou que “o que hoxe se debate no Congreso dos Deputados supón unha carga económica para os galegos que non teñen que asumir”. “Estamos a falar de 4.000 millóns de euros que non corresponde asumir aos galegos senón ao Goberno central, tal e como aprobamos no Parlamento por unanimidade”, advertiu.
Allegue agarda “que se recapacite” e apunta que a Xunta remitira unha nova carta “para volver ao texto orixinal” esta mesma semana ao ministro de Transportes, Óscar Puente.
“Galicia por suposto que quere a transferencia, pero non pode asumila dese modo. Non podemos asumir unha carga hipotecaria de 4.000 millóns de euros que corresponden ao Goberno central e que non temos por que sufragar os galegos”, concluíu.