O Clúster Turismo de Galicia pide “sensatez” sobre os aeroportos: “Estamos nunha situación lamentable”
O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal – Gustavo Valiente – Europa Press – Arquivo
O Clúster Turismo de Galicia apelou a “deixar atrás os localismos” cos aeroportos, “ser sensatos” e traballar por Galicia xa que “mentres cada un mire o seu umbigo, a comunidade non terá voos”. “Vimos como coa marcha dunha gran compañía, como pode ser Ryanair, perdemos conectividade. Estamos nunha situación lamentable, cada vez diminúen ese número de compañías que veñen a traballar nos aeroportos galegos”.
Así o apuntou o presidente do clúster, Cesáreo Pardal, nunha entrevista concedida a Radio Galega, recollida por Europa Press, na que subliñou que o sector leva anos reivindicando unha “coordinación aeroportuaria e deixar os localismos aparte”.
Así mesmo, Pardal lembrou que o clúster presentou hai dez anos unha batería de oito propostas, entre as que se incluía unha figura de interlocución, que foron remitidas á comisión de coordinación. Con todo, lamentou que “non se levou a cabo ningunha”.
“A realidade é que a situación que temos na actualidade, con aeroliñas que desaparecen porque se acaba o diñeiro; págase asentos baleiros; estamos a perder pasaxeiros nos tres aeroportos e, por enriba, algo que estaba planificado como o peche do aeroporto Rosalía de Castro. As iniciativas pasadas non funcionaron. Mentres cada un mire o seu umbigo, Galicia non terá voos”, sentenciou.
Por todo iso, sinalou que a ver se a comisión de coordinación “deixa dunha vez por todas os localismos aparte” e traballan polas sete letras –Galicia– que “deberían unir a todos”. “Seamos sensatos, traballemos por Galicia, conxuntamente, busquemos propostas, temos que poñer en marcha unha bolsa para poder atraer aeroliñas e coordinarnos aeroportuariamente”, enfatizou.
Ocupación hoteleira na Semana Santa
Noutro orde de cousas, o presidente do clúster destacou “boas sensacións” respecto á ocupación hoteleira en Galicia durante a Semana Santa e confía en chegar ás previsións dadas antes do inicio da festividade, arredor do 75%.
“Vimos como a xente saía á rúa, ía a destinos como podían ser os das procesións, a Ribeira Sacra viu enchida de turistas e indubidablemente as zonas do litoral tamén tiveron gran afluencia”, sinalou.
Así mesmo, detallou que o perfil de turista que visita a Comunidade nestas datas é “cercano” e “familiar”, chegan a pasar “tres ou catro noites” e repiten. Tamén, hai portugueses, e outros que veñen por primeira vez e “marchan sorprendidos”.
Respecto ao verán, Pardal avanzou que as reservas sobre todo do mes de agosto “levaron moito máis ritmo que os meses de xuño e xullo”. “Si que é certo que cada vez temos moito máis tirón en agosto, agardemos que non se centren tamén todas as propostas turísticas nese mes para que haxa unha repartición cualitativa de turistas”, reflexionou.
Previsión para o Xacobeo 2027
Tamén, Cesáreo Pardal referiuse ao próximo Xacobeo 2027, trasladando que o sector ten “moitas expectativas depositadas” nel. “O sector está preparado para recibir eses presumibles turistas que poidan vir a coñecernos e facer o Camiño de Santiago, ese gran elemento que move moitísimas economías”, remarcou.
Non obstante, lamentou que o Goberno central “está a mirar para outro lado e están a afectar ao sector turístico e á Comunidade galega”. De feito, engadiu que a carta remitida pola Xunta ao Executivo nacional para solicitar que active os activos fiscais “pon de manifesto a desidia do Goberno estatal para axudar a Galicia”.