A Xunta acelera cos ‘deberes’ e comeza a preparar o orzamento de 2026
Diego Calvo destaca que “mentres o Goberno de Galicia empeza a traballar as contas do ano que vén, o de España segue funcionando coas de 2023”

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, explica el calendario que se marca la Xunta para comenzar la elaboración del Presupuesto gallego para 2026. Foto: Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia inicia o proceso de elaboración dos orzamentos de 2026. Este luns, a reunión do Consello do Executivo autonómico deu por iniciado o proceso para elaborar as contas do próximo ano. Un movemento que serviu aos populares galegos para contrapoñerse co Estado. “Mentres o Goberno de Galicia comeza a traballar nas contas de 2026, o de España segue funcionando coas de 2023”, confrontou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo.
Na ausencia do titular da Xunta, Alfonso Rueda –en Oporto recibindo en nome de Galicia as chaves da cidade–, Calvo presidiu o Consello.
Despois del compareceu ante os medios de comunicación o responsable de Facenda, Miguel Corgos, quen igualmente reivindicou que “mentres o Goberno central segue cos orzamentos de 2023, a Xunta avanza xa cara os orzamentos de 2026”.
Calendario
O primeiro trámite foi a orde –que publicará este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG)— de confección de orzamentos, xunto á aprobación do calendario de elaboración do mesmo.
Corgos resaltou que Galicia pode comezar estes trámites “grazas á estabilidade política e institucional” e subliñou que a Xunta “quere seguir aportando certezas” coa elaboración e aprobación das contas “un ano máis en tempo e forma”.
Techo de gasto, a finais de xullo
O comezo do proceso orzamentario dase “coa normalidade habitual”, engadiu, coa previsión de que a finais de xullo se aprobe o techo de gasto e a entrega do proxecto de orzamentos ao Parlamento se produza antes do 20 de outubro.
O obxectivo final é que os orzamentos autonómicos entren en vigor o primeiro día de 2026 para comezar a súa execución nese momento, insistiu.
Na súa intervención, o mandatario encargado da facenda autonómica referiuse ao contexto, “condicionado por unha serie de incertezas, en primeiro lugar as tensións xeoestratéxicas” que se concretan “en situacións bélicas en Ucraína e Oriente Medio”. Tamén apuntou ás “tensións comerciais pola cambiante política arancelaria de EE.UU.”
“O 2026 será un bo ano, aínda así”
Así mesmo, Miguel Corgos fixo referencia á “inestabilidade política de España e do seu goberno”, que leva “dous anos sen presentar orzamentos” e que tivo “atrasos na actualización das entregas a conta”.