A Xunta tomba a solicitude de Santiago para ser declarada zona tensionada.
O concello terá que reiniciar o proceso por "non dar unha resposta válida" ao requirimento de enmendar e completar a documentación.

Santiago de Compostela. Foto de archivo: Agencia EFE
Santiago terá que iniciar de novo o proceso para ser declarada zona de mercado residencial tensionada. A Xunta deu por desistida a solicitude presentada polo concello para acollerse a este mecanismo, previsto na lei estatal de vivenda que permitiría limitar os prezos do aluguer, por non dar “unha resposta válida” á solicitude de emendar e completar a documentación.
Así o informaron este martes desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través dun comunicado. O goberno local “poderá volver a presentar” a petición coa documentación que esixía a Administración autonómica “para que poida ser tramitada axeitadamente”.
O Concello enviara o pasado maio os informes para solicitar a declaración, pero a comezos de xuño o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) respondeu a comezos de xullo que estes “non se axustan” á lei estatal e que o Concello debía “emendar deficiencias”.
O goberno local entendía que a súa documentación estaba completa e, ao longo de xullo, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, enviou un escrito ao IGVS no que defendía os informes xa feitos, aínda que si incluía algunha aclaración sobre os datos empregados.
Peticións do IGVS
A Xunta lembra, no comunicado deste martes e en declaracións do director do IGVS, Heriberto García, que se pediu ao Concello que completase o plan de medidas correctoras para reverter a situación de mercado tensionado porque as xa incluídas “carecían de incidencia real, dunha mínima concreción ou xa estaban en execución”, ao tempo que “adolecía de calendario claro de aplicación”.
Ademais, o Instituto Galego de Vivenda e Solo reclamaba un novo documento de diagnóstico “a partir de datos oficiais e non dun portal inmobiliario” –Raxoi defendía que se empregaban ambos– e que explicase a súa proposta de reducir de dez a cinco o número de vivendas que unha persoa debía ter para considerarse “gran poseedor”.
De feito, antes deste requerimento, a Xunta destaca que a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, ofrecía á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a posibilidade de celebrar unha reunión entre técnicos de ambas administracións.
“Así, técnicos do IGVS contactaron cos do Concello, pero a resposta municipal foi a de obviar as reunións ofrecidas e remitir unha contestación ao requerimento que non dá resposta ao solicitado pola Xunta”, lamenta.
Así mesmo, critica que a contestación na carta do día 23 se “limitaba a intentar rebater o contido do requerimento, sen incorporar ningunha modificación substancial”.
Falta de resposta
Por iso, ante a “falta de resposta”, a Xunta “ten que considerar o desestimento” da solicitude, aínda que o goberno local poderá volver a presentala cos datos solicitados.
Precisamente, a semana pasada o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba a resolución do Ministerio de Vivenda para declarar A Coruña como zona do mercado residencial tensionado, o que a converte no primeiro municipio galego con esta condición.