O alcalde de Ares estoupa contra a dirección do PSOE: «Van deixar o partido como un solar»
O rexedor socialista asegura que o protocolo contra o acoso está en mans de "verdadeiros inútiles", que foron designados como "premio á máis cega obediencia".
Julio Iglesias, alcalde de Ames / Concello de Ames
Augas revoltas no socialismo galego tras as denuncias por presuntos casos de acoso que provocaron a dimisión de José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, e debilitaron a lideranza de José Ramón Gómez Besteiro, que non estivera respaldado por bos resultados electorais. A agitación polas réplicas en Galicia de casos que afloraron tamén no resto do Estado fixeron estoupar ao alcalde socialista de Ares, Julio Iglesias, que lanzou unha durísima crítica contra a dirección do partido nun comunicado difundido a través das súas redes sociais.
O rexedor cre que os mecanismos de control interno están “viciados” e actúan por “razóns bastardas”, ante o que esixe unha “dimisión en bloque” dos responsables xa que a xestión actual está “acabando co PSOE”. Iglesias centra as súas críticas na inoperancia dos órganos de control do partido, os cales, segundo o seu testemuño, nacen “capados” por ser nomeados pola dirección de turno. O alcalde sostén que estes cargos outórganse como “premio á máis cega obediencia”, o que deriva nunha “absoluta inutilidade” cando se producen feitos que requiren unha intervención firme.
En mans de “inútiles”
Un dos puntos máis espiñosos da súa denuncia refírese ao protocolo fronte ao acoso sexual da formación. Aínda que Iglesias recoñece que o documento “non está nada mal”, denuncia que a dirección o puxo en mans de persoas que cualifica de “verdadeiros inútiles” para servir a “intereses inconfesables”.
“O único que tiñan que facer é lelo e seguílo”, lamenta o rexedor coruñés, quen engade que estes órganos actúan como “enterradores ou desenterradores” ao servizo da cúpula, decidindo a quen se protexe e a quen se castiga en función de conveniencias políticas e non da xustiza interna.
“Van deixar o partido como un solar”
Para o alcalde de Ares, o feito de que só funcionen os mecanismos de control externos –como a Policía, a Fiscalía ou a prensa– demostra o fracaso total da estrutura orgánica do PSOE. “Se ao final só funcionan os mecanismos externos, para que existen os internos?”, pregunta no texto, cualificando a situación de “vergoña”.
Iglesias conclúe a súa misiva cunha advertencia sobre o futuro das siglas: “Van deixar o partido como un solar”. Segundo o rexedor, os grandes perdedores desta deriva serán os cidadáns máis vulnerables, quen, na súa opinión, “non se poden permitir o luxo de perder ao partido de Pablo Iglesias“, o cal considera que hoxe está en mans de “impresentables”.