O BNG condena o ataque a Venezuela e carga contra o «afán imperialista» de Trump.
A formación que lidera Ana Pontón solicita unha "resposta inmediata e firme" e esixe tanto á Xunta como ao Goberno que emitan unha "condena clara" sobre este ataque.
O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro. Foto: Europa Press/ Jesús Vargas/Dpa
O BNG move ficha tras o ataque dos Estados Unidos ao réxime de Nicolás Maduro. Segundo a formación nacionalista, o país que preside Donald Trump exerceu un “uso ilexítimo e ilegal” da súa forza alentado polo “afán imperialista”.
Ao seu xuízo, este ataque supón unha “gravísima ameaza contra a paz e a seguridade” a nivel rexional e internacional, que se enmarcan dentro da “violenta escalada belicista” promovida por Estados Unidos co obxectivo, segundo o BNG, de apropiarse dos recursos estratéxicos de Venezuela e recuperar o control neocolonial de América Latina.
É por iso que o BNG expresou a súa “rotunda e enérxica” condena contra esta agresión e mostrou o seu apoio ao pobo de Venezuela e á súa institucionalidade democrática. “Ratificándonos no noso compromiso internacionalista, antiimperialista e pacifista”, subliñaron.
Neste sentido, o BNG reclamou unha “resposta inmediata e firme” por parte da ONU e do conxunto da Comunidade Internacional exixindo o fin destes actos de agresión e a “preservación da paz, seguridade e respecto á soberanía e integridade” da República Bolivariana de Venezuela.
Tamén, reclamaron á Xunta e ao Goberno español unha “condena clara” deste ataque, así como o despregue de todas as accións necesarias para ofrecer apoio e protección á poboación galega residente en Venezuela.
Por último, o Bloque chamou ao pobo galego a “expresar a súa solidariedade” con Venezuela e a “defender a paz, exixindo a resolución de calquera conflito a través da diplomacia” e sempre “desde o respecto á autodeterminación dos pobos e a súa soberanía”.
A CIG convoca manifestacións
En paralelo, a Confederación Intersindical Galega (CIG) despreciou o “ataque imperialista e colonial” dos Estados Unidos contra Venezuela e denunciou a “complicidade e o silencio” dos países da Unión Europea contra esta “inadmisible intervención militar”.
Neste sentido, trasladou nunha nota de prensa a súa “solidariedade” ao Goberno e ao pobo venezolano e chamou a participar nunha concentración. “Terá lugar este sábado ante o Consulado de Venezuela en Vigo ás 20.00 horas, en defensa da paz e polo respecto á soberanía de Venezuela, de América Latina, do Caribe e do mundo”, concluíron.