Iberdrola, Enel, Statkraft e o fondo Plenium apostan por repotenciar parques en pleno parón eólico no xulgado.
A Xunta tramita sete proxectos de repotenciación eólica a pesar do recurso ante o Constitucional que deixa no aire a obriga de substituír aqueles de máis de 25 anos.
Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo. Carlos Castro – Europa Press – Arquivo
Galicia conta na actualidade cunha potencia eólica de 4.022 megavatios (MW) repartidos en 194 parques en funcionamento. Porén, segundo datos da Xunta, tamén hai 140 instalacións autorizadas pero sen operar. Dese conxunto, 92, cunha potencia de 2.512 MW, están afectadas por recursos xudiciais. Neste escenario, fontes do Goberno autonómico advirten un cambio de tendencia no sector. Os promotores comezan a apostar polas repotenciacións a pesar do malestar que hai un ano mostraron á normativa do Goberno galego para modernizar e reducir o número de aeroxeradores.
De momento, este luns a Xunta de Galicia informou de que estaba tramitando sete solicitudes para eliminar 222 aeroxeradores do territorio en sete parques que poderían incrementar ata nun 35% a súa capacidade de produción, un feito que podería ser clave para entender o cambio de parecer de gran parte do sector cos novos proxectos na comunidade en stand by. Nos últimos dous anos, a administración autonómica aprobou a repotenciación doutros nove parques eólicos (a maioría logrou captar axudas europeas para abordar o proceso), dos cales tres están en obras na actualidade.
Recurso de inconstitucionalidade
As repotenciacións de parques eólicos baséanse, fundamentalmente, en actualizalos, colocando muíños eólicos de nova xeración. Os parques poden reducir o número de aeroxeradores mantendo a potencia e sacando máis produción eléctrica cun menor impacto no territorio non só visual, senón en canto ás emisións á atmosfera.
A finais do ano 2024, o Parlamento galego deu luz verde a unha normativa que, nun primeiro momento, puxo en pé de guerra ás patronais eólicas e que buscaba activar unha serie de medidas encamiñadas a regular os beneficios sociais e económicos dos proxectos que explotan recursos naturais na comunidade. Destacaba a obriga de destinar polo menos o 50% da electricidade xerada por novos proxectos eólicos a empresas e consumidores galegos e a obriga dos parques que contasen con máis de 25 anos de operación de modernizar as súas instalacións, é dicir, repotencialas.
Con todo, en setembro do ano pasado, o Executivo central acordou presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a obriga de repotenciar os parques eólicos de máis de 25 anos de antigüidade. A pesar desta situación, que deixa no aire a medida, e quizais tamén influída polo parón a novos parques nos xulgados, os promotores parecen máis dispostos a abordar as repotenciacións. Neste caso, os sete parques que agora solicitaron modernizar a súa estrutura suman máis de 20 anos de vida.
Os promotores
Todos eles son xestionados por xigantes do sector: Iberdrola, Enel, Enerfin e Olivento. Segundo a información consultada por Economía Dixital Galicia, os de Ignacio Sánchez Galán solicitaron repotenciar o parque eólico de Monte Treito, entre os concellos de Lousame, Rois, Dodro e Rianxo, para pasar de 40 a sete muíños.
Tamén se solicitou os parques Barbanza e Barbanza II, que pasarán de 60 e 26 aeroxeradores a catro e dous respectivamente. Estes comezaron a súa vida hai unhas dúas décadas da man de Acciona —agora en pleno proceso de desinversión (habería ofrecido a súa carteira eólica en Galicia, de máis de 550 MW, a Recursos de Galica, a utility de capital público privado)– pero na actualidade atópanse xestionados por Enel, corporación italiana dona de Endesa.
Segundo datos do Rexistro Mercantil, as sociedades Enel Green Power España, Endesa e Endesa Xeración foron nomeadas en novembro do ano pasado apoderadas mancomunadas da sociedade parque Eólico do Barbanza, anteriormente en mans da sociedade Acciona Desenvolvemento Corporativo.
Outro dos parques que solicitou a repotenciación é Farelo, explotado pola sociedade Galicia Vento e ubicado nos concellos de Rodeiro, Agolada e Antas de Ulla. Neste caso, a intención é reducir de 18 a catro os aeroxeradores xestionados por esta compañía, que depende da enerxética Enerfin.
Anteriormente en mans de Elecnor, en 2023, Enerfin foi adquirida polo grupo noruegués Statkraft. Entre outros activos en territorio galego, fixéronse cos de Galicia Vento que, segundo datos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), conta con catro parques na comunidade.
Por último, a compañía Olivento tramita a repotenciación de tres parques: Serra da Loba, Serro do Cando e Monte Seixo-Cando. Pasarán de 40 a sete muíños, de 44 a sete e de 53 a oito.
Esta compañía conta con uns 14 parques eólicos repartidos en España cunha potencia instalada de algo máis de 420 MW. A sociedade está en mans do mega fondo Plenium que, no pasado, tivo como socio a FCC.