Actualizado
A galega Ana José Varela, directora financeira da OCDE, nova Embaixadora Honoraria da Marca España
O próximo 24 de marzo os reis Felipe VI e dona Letizia entregarán as acreditacións da Undécima Promoción de Embaixadores Honorarios da Marca España (EHME) na que tamén se atopa o doutor coruñés Diego González Rivas, creador da cirurxía torácica videoasistida.
directora financeira da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos)
Ana Xosé Varela (Lugo, 1970), directora financeira da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos), é unha das personalidades que recibirá das mans dos reis Felipe VI e da raíña Letizia a acreditación da Undécima Promoción de Embaixadores Honorarios da Marca España (EHME), recoñecida no eido das Relacións Internacionais.
Tamén recibirán o recoñecemento na categoría de Acción Social o coruñés Diego González Rivas, cirurxián creador dunha cirurxía torácica videoasistida; no eido das Artes o escultor Jaume Plensa; na categoría de Turismo e Gastronomía, a cociñeira Carme Ruscalleda; en Xestión Empresarial, o presidente de Mapfre e da Fundación Mapfre, Antonio Huertas; en Deportes, a médica e deportista bicampioa paralímpica de triatlón adaptado, Susana Rodríguez Gacio; e en Ciencia e Innovación a matemática, doutora en Intelixencia Artificial pola Universidade de Berkeley e fundadora de Aplicacións en Informática Avanzada, Regina Llopis. O acto terá lugar o próximo 24 de marzo no Palacio de El Pardo.
As acreditacións do Foro de Marcas Recoñecidas Españolas entregan en recoñecemento a persoas e institucións que co seu traballo e prestixio internacional contribúen a xerar unha imaxe positiva do país no exterior. Noutras edicións foron distinguidas persoas e institucións como Teresa Perales, Luis Rojas Marcos, José Manuel Entrecanales, Jon Rahm, José María Álvarez-Pallete, Juan Luis Arsuaga, o Museo do Prado, Tamara Rojo e Ana Botín.
Traxectoria de Ana Xosé Varela
Desde marzo de 2017 a lucense Ana Xosé Varela (1970) é directora financeira da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos). Tamén está á fronte da Secretaría do Comité de Orzamentos sendo a española que ocupa o posto máis alto na OCDE.
Licenciada en Dereito e Administración de Empresas e MBA pola Universidade de Columbia, Ana Xosé Varela iniciou a súa carreira en The Boston Consulting Group. Incorporouse á Fundación Barrié en 2012 desde o Banco Pastor, onde ocupou distintos postos directivos ata lanzar e dirixir a Oficina de Xestión Estratéxica. Nada máis desembarcar, converteuse na representante da institución no consello do Banco Popular ata a súa saída en 2016.
Varela é a única española seleccionada polo Eisenhower Women’s Leadership Program e fundadora do Club de Executivas Españolas en París, é tamén membro do Foro Económico de Galicia.