A oposición centra as súas críticas á Xunta en materia sanitaria e encabeza a manifestación de Santiago.
Ana Pontón e Besteiro lideraron a concentración convocada por Sos Sanidade Pública que denunciaba a “privatización” do sistema en Galicia e o colapso nas listas de espera.
Manifestación en Santiago de Compostela convocada por SOS Sanidade Pública e encabezada polos líderes dos partidos da oposición á Xunta de Galicia. Foto: Podemos Galicia
Miles de persoas manifestáronse este domingo, 1 de febreiro, en Santiago de Compostela para denunciar os “continuos colapsos” da sanidade pública galega ao berro de “coa nosa saúde non se xoga”. “Vamos seguir, que o saiba a Xunta e Rueda”, asegurou o portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín.
O desenvolvemento da manifestación, convocada por SOS Sanidade Pública evidencia que os supostos recortes en materia sanitaria van marcar este exercicio boa parte das críticas da oposición á Xunta de Galicia.
A marcha encabezouna o portavoz da plataforma, seguido da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro e o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, entre outros representantes políticos e sindicais.
Contra a privatización
Portando paraugas, chubasqueiros e carteis, e ao berro de consignas, os manifestantes percorreron a rúa da Senra, rodearon a Praza de Galicia e cruzaron o casco vello da capital galega, para finalizar na Praza do Obradoiro, onde se realizou a lectura do manifesto.
“Queremos máis sanidade pública e de calidade. Coa nosa saúde non se xoga”, clamaron os manifestantes, proclamando que “a sanidade é un dereito”, e rexeitando a “privatización”.
Corenta minutos despois do inicio da marcha, seguían saíndo manifestantes desde a Alameda compostelá. Para amenizar a espera no Obradoiro, De Ninghures interpretou algunhas das súas cancións, finalizando ao berro de “sanidade pública sempre”.
A Xunta, sinalada
Un total de 22 organizacións realizaron a lectura do manifesto, no que denuncian que a Xunta “pretende destruír un dos mellores sistemas sanitarios” para levantar unha “trama de chiringuitos privados participados por empresas multinacionais estranxeiras”.
Así, sinalaron que a pesar da “enorme crise de recursos tras os recortes desde o ano 2008”, o orzamento sanitario “non crece apenas” e “incluso descende en algunhas partidas se se desconta a inflación”.
Neste sentido, apuntaron que se “está destruíndo” a Atención Primaria, a través do “recorte de prazas” de medicina familiar e pediatría, enfermaría familiar e comunitaria, entre outras categorías. “Isto levanta unha barreira de acceso aos Centros de Saúde con tardanzas de semanas e meses para recibir atención”, remarcaron.
Hospitais privados
Ademais, criticaron “a desviación de miles de pacientes dos hospitais públicos aos privados” e “o crecemento exponencial” dos seguros privados, xa que consideran que “xeran desigualdade”.
Ante esta situación, reclamaron incrementar o orzamento sanitario, especialmente en Atención Primaria, ata o 25% do total que “indica a Organización Mundial da Saúde (OMS)”; abrir os Centros de Saúde pechados e crear novos “onde sexa necesario”; e reintegrar o servizo de ambulancias ao Sistema Público.
Tamén, solicitaron implementar un “plan urxente” para racionalizar as listas de espera; novas convocatorias de profesionais en función das necesidades do sistema e a incorporación de novas categorías profesionais nos centros de saúde.
Entre as súas demandas, apuntaron a ámbitos como a saúde mental, pedindo garantir a presenza de profesionais desta área na Atención Primaria; e a convocatoria de concursos públicos “transparentes”.
“Non baixamos o brazo”
Manuel Martín agradeceu a asistencia á manifestación, a pesar das condicións meteorolóxicas. “Aquí estamos un montón de xente disposta a avanzar, loitar e a seguir mellorando a sanidade pública. Non baixamos o brazo, non imos tolerar que nos quiten o noso sistema sanitario”, enfatizou.
Durante a súa intervención, denunciou que “non se avanza” porque o orzamento destinado á sanidade é “practicamente igual que o ano pasado”. “Seguimos tendo un problema de recortes na atención primaria e seguimos utilizando os hospitais públicos a media xornada, cando os hospitais privados traballan mañá, tarde e noite, fin de semana incluído”, sinalou.
Con todo, asegurou que “van seguir mobilizándose” como ata agora, “Que o saiba a Xunta, que o saiba o señor Rueda. Non imos tolerar a privatización dos nosos sistemas sanitarios”, concluíu.
O PP ve “partidismo”
Como resposta á manifestación, o portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos Couñago, cargou contra a mesma cualificándoa de partidista, xa que indica que centra as súas críticas na Xunta e non no Ministerio de Sanidade.
“[A manifestación] ten moito máis que ver co partidista e o político que co sanitario”, censurou o deputado popular, que se desprazou ata o Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, á mesma hora da protesta. Desde alí, defendeu o de Galicia como “un dos mellores sistemas sanitarios do mundo”.
Pazos Couñago admitiu “dificultades” no sistema sanitario, pero achácaas á “dificultade de atopar profesionais de determinadas especialidades”, especialmente en Atención Primaria e Pediatría.
“Pero iso non é un problema de Galicia. É un problema que estamos a sufrir todas as comunidades autónomas de España e todas elas levamos anos facendo propostas ao Ministerio para intentar paliar e solucionar ese sistema sen que nos faga caso”, sinalou.