A tecnolóxica pontevedresa Vidiv lanza un asistente de voz capaz de falar en galego.
O sistema é capaz de diferenciar entre diversos fenómenos fonéticos segundo reciban chamadas de comarcas con acentos máis marcados, como os habituais de aldeas lucenses ou da Ribeira Sacra.
A empresa de O Porriño Vidiv desenvolveu o primeiro asistente de voz que fala en galego de forma nativa. O sistema emprega a tecnoloxía LiveKit e poderá discernir entre diversos fenómenos fonéticos segundo reciban chamadas de comarcas con acentos máis marcados, como os habituais de aldeas lucenses ou da Ribeira Sacra, entre outros.
Segundo explican desde a compañía, as empresas de Galicia que implementen os asistentes de Vidiv poderán utilizalos como parte da súa forza comercial ou para atención ao cliente falando en galego e utilizando só léxico propio da rexión
“Tiñamos claro que a primeira lingua que tería que “aprender” Vidiv sería o galego. Non en vano Vidiv naceu en Porriño e xa permite manter centos de conversas de maneira simultánea con galegofalantes. A través da súa IA pode recoñecer acentos, particularidades e xiros de cada un dos seus máis de 300 concellos”, explicou Marcos Eguillor, director de negocio da compañía.
Para lograr que Vidiv sexa capaz de desenvolver unha conversa absolutamente fluída en galego foron necesarios meses de adestramento para que en apenas 2 milisegundos reaccione a características fonéticas como o “teísmo” –que consiste no uso de ‘te’ como obxecto directo e indirecto en parroquias limítrofes con Zamora– ou as ausencias de gheada e seseo. “Ademais, os modelos de síntese de voz foron adestrados a conciencia para replicar fielmente a musicalidade, acento e cadencia propias do galego”, subliña Eguillor.
Explican desde a compañía que o asistente está chamado a “consolidarse” como a opción preferida polas empresas galegas para conectar tanto co seu público como con provedores. No escaso medio ano desde que foi lanzado, conta con numerosos clientes con presenza internacional, moitos deles do sector da formación como IE University, HeadSpring e, en Galicia, FEMXA, empresa ubicada en Vigo e especializada na consultoría e formación profesional para o emprego desde hai máis de 25 anos.
“Vidiv poderá detectar ao instante desde que rexión de Galicia lle están falando, podendo responder en galego e empregando modismos e xiros propios que use o interlocutor. Así, a sensación de proximidade é absoluta e as empresas e negocios de Galicia verán a este asistente como a alavanca perfecta para xerar negocio”, explicou Eguillor.
O asistente da firma pontevedresa permite ás empresas poder atender centos de conversas de maneira simultánea en tempo real 24 por 7. Ao contar cun retardo de tan só 2 milisegundos, a sensación de estar entablando unha conversa cun humano é absoluta.
“Ademais, para ser aínda máis competitivos, a marcación fáise a un número nacional, o cal non supón ningún custo adicional para o usuario; en contraposición con outros SDR cuxas chamadas son a EEUU, facendo que o servizo sexa moito máis caro”, explican desde a compañía.