Caballero propón ao Celta un canon de 800.000 euros por usar Balaídos e compensacións por concertos
A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este venres unha proposta de concesión a 50 anos para que o conxunto olívico siga utilizando o estadio municipal.
Imaxe de arquivo das bancadas do estadio Abanca Balaídos
A Xunta de Goberno do Concello de Vigo pon sobre a mesa a nova proposta de concesión do estadio municipal de Balaídos. O equipo que encabeza Abel Caballero plantea ao Real Club Celta de Vigo un canon anual de 802.837 euros (que se actualizará nun 2 % anual) para poder usar esta infraestrutura os próximos 50 anos.
De acordo co prego de condicións da concesión, este canon pode ser revisado ou axustado no caso de perda de ingresos por obras, no caso de que a entidade deportiva faga investimentos en obras, ou no caso de que o club descenda de categoría.
En paralelo, tamén se recolle a posibilidade de compensación do canon por parte do Concello achegando cantidades ao Celta para a realización de eventos “de impulso da cultura, lecer e tempo libre, que promovan e difundan a marca Vigo“, como os concertos. Para iso, o club ten que presentar unha proposta da actividade a desenvolver e o retorno do investimento debe ser superior ao 500 % do canon a compensar. Así mesmo, as actuacións propostas deben cumprir uns requisitos: que o Concello sexa considerado “o único patrocinador institucional/administración pública nas accións promocionais”, ou que se inclúa a imaxe institucional do Concello, e a administración local resérvase o dereito á designación ou denominación do evento, entre outras condicións.
No documento presentado este venres recóllense tamén as obrigas e dereitos de ambas partes. Así, o club celeste ten dereito a dispoñer do estadio, cuxo uso principal será o deportivo, e a comercializar os dereitos audiovisuais e publicitarios. No capítulo de obrigas, entre outras, deberá facerse cargo dos gastos de subministracións e servizos, gastos de conservación, reparación, seguros, limpeza ou seguridade.
“Arrancamos moi ben”
O Concello pode modificar as condicións da concesión por razóns de interese público, resérvase o dereito de inserir publicidade institucional no estadio e o uso das pistas e instalacións baixo a bancada do Río. Igualmente, regúlase o acceso gratuíto dos membros da Corporación ao palco de autoridades, de xeito que o alcalde/alcaldesa teña “o posto de honra que lle corresponde ao lado da presidencia do club, así como o posto inmediatamente contiguo para a autoridade a designar polo Concello”. “O Concello de Vigo, como propietario do Estadio Municipal, debe ser a administración con maior presenza institucional na primeira fila do palco de autoridades”, recolle o prego.
Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios, tras a aprobación deste prego, ábrese un período de información de 30 días para a presentación de alegacións. Tras resolverse estas alegacións, se as houber, levarase a cabo a aprobación definitiva e procederase á formalización do acordo entre o Concello e o Real Club Celta.
O rexedor, en todo caso, cualificou a aprobación inicial deste documento como unha decisión “moi boa” para a cidade e para o club celeste. “E cando os procedementos arrancan ben un ten que mostrar a satisfacción. Eu quero mostrar a satisfacción persoal miña como alcalde, persoal miña como afeccionado e seguidor e fan do Celta, e para toda a cidade. Por tanto, arrancamos moi ben”, proclamou.