Monbus loita coa cotizada Alquiber polo subministro de 137 todoterreos ás brigadas de bombeiros da Xunta
As dúas empresas presentan as únicas ofertas para subministrar os vehículos pick-up en modalidade de renting para o dispositivo de loita contra o lume, reforzado tras a histórica vaga de incendios do ano pasado; o contrato está valorado en máis de 10 millóns.
Motobombas do dispositivo contra incendios da Xunta fabricadas por Urovesa / Xunta
A Consellería do Medio Rural ten en marcha o procedemento de contratación para renovar o subministro de vehículos todoterreo tipo pick-up para as brigadas de bombeiros forestais, que se encargan das tarefas de prevención e loita contra o lume. O contrato executase mediante a modalidade de renting e está valorado en máis de 10 millóns. Súmase á lista de licitacións postas en marcha polo Goberno galego tras a dramática onda de incendios do pasado verán, a maior do século na comunidade, con case 120.000 hectáreas calcinadas.
O contrato prevé o subministro de ata 137 todoterreos destinados ao persoal fixo-discontinuo de nove meses das brigadas de bombeiros forestais dos distritos e estenderase entre 2026 e 2029, cun orzamento de licitación de case 7 millóns que se eleva por riba dos 10 millóns no caso de prorrogarse ata 2031, como está previsto nos prazos.
Dúas empresas optan á adxudicación. A mesa organizada polo departamento que dirixe María José Gómez admitiu as ofertas de Empresa Monforte e de Alquiber Quality. A primeira é unha filial do Monbus, o principal grupo galego de transporte de viaxeiros por estrada. A compañía de Raúl López está competindo actualmente polas liñas de bus escolar e é a principal adxudicataria das liñas regulares de autobús, aínda que posteriormente ao concurso foi sancionada por formar un suposto cártel con Alsa.
Alquiber Quality, pola súa banda, é unha sociedade especializada no renting flexible de vehículos que cotiza no BME Growth e que conta con delegacións na Coruña e Vigo. A empresa propiedade da familia Acebes dispón dunha flota de 21.000 vehículos e facturou 164 millóns en 2025.
Ambas competireron en 2024 polo renting de 108 vehículos para a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, un contrato de 3,7 millóns repartido en cinco lotes que levou íntegramente a filial de Monbus.
Máis medios para despois do desastre
Os novos vehículos, que se suman aos preto de 140 cos que, segundo a Xunta, xa conta o dispositivo, empregarase xa durante 2026, cando os brigadistas traballarán ao longo de nove meses tras o proceso de estabilización. Son todoterreos de dobre cabina con cinco prazas, unha potencia mínima de 150 cabalos, tracción 4×4 e equipos emisores-receptores de radio dixital homologados para o acceso á rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emerxencia e seguridade de Galicia.
O contrato engrosa a carteira de medios do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF). A Consellería do Medio Rural contratou con Urovesa oito vehículos motobomba por valor de 3,3 millóns; dous avións de carga en terra co grupo do presidente de Iryo e primeiro accionista de Air Nostrum, Carlos Bertomeu, por cerca de 4 millóns; e un avión de coordinación e observación para a prevención de incendios por 3,7 millóns.
Os novos equipos tratan de evitar unha situación similar á do pasado verán, cando os equipos se viron desbordados polos grandes incendios, principalmente, na provincia de Ourense.