Contas cuestiona a xestión dos albergues: cada peregrino que pernocta en Sandiás custálle á Xunta 932 euros
O Consello de Contas destaca nun informe a perda de capacidade de atracción de peregrinos aos albergues públicos posto que aumenta o número de camiñantes mentres descenden os que optan por aloxarse na rede pública.

Un peregrino camina durante la salida del sol en el Monte do Gozo. Álvaro Ballesteros / Europa Press
O Consello de Contas cuestiona a planificación dos albergues públicos xestionados pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo (Xacobeo S.A.). Nun recente informe estima o custo por estadía de cada peregrino para as arcas autonómicas en 27 euros. O órgano fiscalizador subliña as diferenzas “moi relevantes” entre os distintos albergues debido ao nivel de ocupación. Nesta liña, indica que o custo por estadía no albergue de Sandiás (Ourense) alcanza os 942 euros.
No outro extremo estarían os albergues do Camiño Francés con maior ocupación teñen un custo de estadía de entre 4 e 8 euros, como é o caso dos de O Cebreiro, Arca, Arzúa, O Pino, Palas de Rei ou Portomarín, entre outros.
En canto á ocupación tamén se observan notables diferenzas: do 1% de Sandiás ao 56% de Arzúa, o 48% de Sarria ou o 68% de Negreira.
O informe analiza a eficacia, eficiencia e sostibilidade financeira da sociedade, con especial atención á súa actividade principal: a xestión de 75 albergues públicos do Camiño de Santiago con unha oferta de 3.400 prazas e apertura todos os días do ano.
Contas destaca que a financiación da sociedade se sostén nun 25% con ingresos propios e nun 75% cos ingresos da Administración autonómica.
Menos peregrinos nos albergues públicos
Ademais, o informe do Consello de Contas observa unha perda de capacidade de atracción de peregrinos aos albergues públicos, xa que aumenta o número de camiñantes mentres descenden os que optan por aloxarse na rede pública.
No ano 2023, a pesar de ascender o número de estadías, “só alcanza o 84% do ano inmediatamente anterior á pandemia”. Polo tanto, Contas apunta que o traspaso de peregrinos da rede pública á privada como a atención ao incremento da demanda realizouse fundamentalmente mediante a expansión da rede privada.
Nesta liña, antes de sinalar que a actividade é “deficitaria”, o texto reflicte que non sería viable establecer un prezo de 36 euros por noite –o que estima para que poida autofinanciar a súa actividade–, xa que diminuiría a demanda ao non corresponderse coa calidade do servizo ofertado e existir alternativas de aloxamento con mellor calidade/prezo.
En definitiva, Contas recomenda reforzar o control interno, mellorar a transparencia en materia de persoal e de xestión, revisar o criterio contable de rexistro das subvencións, optimizar a xestión axustando a oferta e explorando modelos de xestión máis vinculados ao territorio, implantar sistemas de avaliación da calidade e promocionar a rede pública para incrementar a demanda.
Resposta da Xunta
Frente a estas afirmacións, a Xunta alegou que a rede de albergues públicas non buscou desde a súa creación un beneficio económico directo pola prestación do servizo e defende que permiten ter aberto o Camiño de Santiago aqueles meses nos que a oferta privada pecha (novembro-febreiro).
“Sen a rede de albergues públicos para peregrinos da Xunta os itinerarios do Camiño de Santiago en Galicia non poderían atender aos peregrinos invernais”, manifestou.
Do mesmo modo, reivindica que esta rede serviu como elemento tractor para o desenvolvemento dunha oferta privada nos últimos 30 anos e para o desenvolvemento doutros negocios que prestan servizo aos peregrinos.
Tamén argumenta a Administración autonómica que o retorno por cada euro investido, do total de 6,1 millóns, estaría por riba dos 45 euros.
Por outro lado, conclúe que non se está subvencionando aos peregrinos que se aloxan nos albergues, senón que é “unha moi importante forma de promoción e visibilidade das localidades polas que pasa o Camiño e a creación de riqueza que conleva para as mesmas e para Galicia en xeral”.
Por todo iso, asegura que a rede pública de albergues dá unha imaxe institucional de “hospitalidade e coidado das tradicións xacobeas, historia e cultura da peregrinación compostelana”. Un valor, engade, “intanxible” que é “sinal de identidade do Camiño de Santiago”.