Actualizado
A Deputación da Coruña impulsa unha nova edición dos Premios PEL para recoñecer o talento empresarial
A edición deste ano repartirá un total de 80.000 euros, a cifra máis alta desde a súa creación, en catro categorías coas que se pon en valor o traballo das persoas autónomas, emprendedoras e das empresas que contribúen ao desenvolvemento económico da provincia.
Gala de entrega dos Premios PEL 2025
A Deputación da Coruña lanzou a convocatoria da oitava edición dos Premios PEL, un dos principais recoñecementos ao tecido empresarial da provincia. O certame pon en valor o traballo das persoas autónomas, emprendedoras e das empresas que contribúen ao desenvolvemento económico da provincia así como á creación de emprego e á dinamización do territorio.
Valentín González Formoso, presidente da Deputación, destacou que “os Premios PEL son unha forma de recoñecer o esforzo de moitas empresas que, día a día, están tirando da economía local e a xerar oportunidades nos nosos concellos”. Ademais, subliñou a súa intención de “dar visibilidade a proxectos que ademais de funcionar ben desde o punto de vista económico, tamén teñen un impacto positivo na sociedade e no territorio”.
Nesta edición, a Deputación reforza a súa aposta por un modelo económico máis sostible, innovador e vinculado ao medio rural, premiando iniciativas que destacan tanto polo seu percorrido como pola súa capacidade de transformación.
Categorías dos Premios PEL
A convocatoria deste ano establece catro categorías principais: Iniciativa Emprendedora, dirixida a proxectos empresariais iniciados entre 2024 e 2026; Traxectoria Empresarial, para empresas con actividade anterior a 2024; Iniciativa Territorio Sostible, centrada en proxectos vinculados á transición ecolóxica, á economía circular ou á protección da biodiversidade e Iniciativa Empresarial Singular, que recoñece propostas creativas, orixinais e con identidade propia, vinculadas ao territorio, ás materias primas locais ou á tradición galega.
Esta edición tamén contará cunha categoría honorífica, que distinguirá a mellor iniciativa transformadora do rural, sen necesidade de candidatura previa nin dotación económica.
Maior investimento dos Premios PEL
A edición deste ano repartirá un total de 80.000 euros, a cifra máis alta desde a súa creación. Cada unha das catro categorías principais estará dotada, con carácter xeral, con 20.000 euros.
As bases contemplan tamén a posibilidade de conceder accésits cando a diferenza de puntuación entre as dúas mellores candidaturas seleccionadas sexa mínima. Nestes casos, o primeiro premio ascenderá aos 15.000 euros e o segundo aos 5.000
Formoso apuntou que “incrementar a contía destes premios é tamén unha forma de reforzar o apoio real ás empresas e de acompañar o seu crecemento con recursos que lles permitan seguir medrando e desenvolvéndose”.
Convocatoria máis “accesible”
Segundo destacan desde a Deputación, a edición deste ano introduciu avances para facilitar a participación das empresas. Nese sentido, ampliouse o acceso a iniciativas de diferentes anos de creación e simplificouse o proceso de solicitude, reducindo a carga administrativa.
Os interesados deberán presentar a súa candidatura de forma telemática a través da plataforma Subtel. O prazo abrirase o próximo xoves, 23 de abril e permanecerá aberto ata o 12 de maio ás 14 horas.
As empresas que desexen participar terán que elaborar unha memoria de ata cinco páxinas na que deberá incluír o enlace a un vídeo explicativo cunha duración máxima de dous minutos.
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, animou o tecido produtivo da provincia a participar: “Temos empresas con moito talento, con grandes ideas innovadoras e cunha enorme capacidade de adaptación. Estes premios son unha oportunidade para dar a coñecer ese traballo e para poñelo en valor ante toda a sociedade”.