Folga de médicos en Galicia: estes son os servizos mínimos
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contará co persoal mínimo necesario para a cobertura do 100% da atención urxente e permanente e as emerxencias xestionadas polo servizo.

Pixabay
A folga convocada para este venres pola Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) contará na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, co persoal mínimo necesario para a cobertura do 100% da atención urxente e permanente e as emerxencias xestionadas polo servizo.
Así aparece recollido este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) no que tamén se establece que a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos terá “o persoal mínimo necesario” para o subministro de sangue e hemoderivados, a coordinación de doazóns, os transplantes de órganos e os implantes de células e tecidos.
Respecto ao persoal dos centros e institucións sanitarias do Sergas, en atención especializada ou hospitalaria, estipula a cobertura do 100% en servizos de urxencias e gardas médicas, quirófanos urxentes, salas de partos e laboratorios de urxencias. O mesmo para as unidades de reanimación, de coidados intensivos, de adulto ou pediátricas e unidades coronarias, así como áreas de diálise e tratamentos oncolóxicos.
Tamén establece a cobertura da actividade quirúrxica dos pacientes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial, procesos neoplásicos.
Outras áreas
Na área de hospitalización de pacientes, establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos pacientes hospitalizados e as altas clínicas. Ademais, garantirase a presenza dun facultativo por unidade de hospitalización médica e quirúrxica co obxectivo de garantir a asistencia a usuarios ingresados, calquera que sexa a modalidade de prestación, coa seguinte proporción: en unidades con catro ou menos profesionais, un efectivo; en unidades de cinco a oito profesionais, dous efectivos; en unidades de nove a 12 profesionais, tres efectivos; e en unidades con 13 ou máis profesionais, catro efectivos.
En consulta, así como nas interconsultas de pacientes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, segundo o criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os pacientes desprazados polo mesmo motivo.
Garantirase a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos pacientes hospitalizados que, no criterio do persoal facultativo, sexan “necesarias e inaprazables”, enténdese incluídos os pacientes con neoplasias malignas.
Tamén se garantirá a dispensación de sangue, medicamentos e produtos sanitarios que, segundo o criterio do persoal facultativo, sexan necesarios. O mesmo establecen para a atención a pacientes de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.
Servizos mínimos en Atención Primaria
Por outra parte, para o persoal licenciado sanitario de atención primaria, establecen como “imprescindible” a cobertura do 100% da actividade dos puntos de atención continuada – PAC.
Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario son: en centros con catro ou menos profesionais, un efectivo; en centros de cinco a oito profesionais, dous efectivos; en centros de nove a 12 profesionais, tres efectivos; en centros con 13 ou máis profesionais, catro efectivos.
Así mesmo, garantirase a atención pediátrica urxente coa presenza dun pediatra por centro e/ou zona de referencia.