Incendios en Galicia: activado o nivel de emerxencia 2 na provincia de Ourense
Os incendios de maior afectación, aqueles que ou ben superan as 20 hectáreas ou que supuxeron un perigo para vivendas, calcinaron ao redor de 4.330 hectáreas.

Aldea de Requeixo, a 11 de agosto de 2025, en Chandrexa de Queixa, Ourense, Galicia (España). Rosa Veiga / Europa Press
O Goberno galego decretou o nivel 2 de emerxencia na provincia de Ourense ante a oleada de incendios simultáneos que desde Medio Rural cualifican de situación “anómala”. En conxunto, os incendios de maior afectación –aqueles que ben superan as 20 hectáreas ou que supuxeron un perigo para vivendas– queiman arredor de 4.330 hectáreas.
Aínda que si son os máis importantes, non son os únicos lumes activos ou en proceso de extinción da provincia. Precisamente, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, recoñeceu que, en toda Galicia, están producíndose “arredor de 40 ou 50 ao día”, o que achaca a “unha altísima actividade incendiaria”.
Esta non é a primeira vez que se levanta unha Situación 2 en toda unha provincia. Segundo lembra Medio Rural, xa sucedeu en outubro de 2017, cando outra gran vaga de incendios puxo en risco a concellos de toda Galicia e a situación máis grave tivo lugar no sur da provincia de Pontevedra.
A activación deste nivel de emerxencia en Ourense implica unha “maior axilidade” de medios e recursos da Comunidade e do resto de administracións para a provincia, segundo explica o subdirector xeral de Extinción, Fernando Veiga, en declaracións remitidas aos medios.
Tamén conleva a “redución da burocracia” fronte ás solicitudes de mobilización de recursos. Desa forma, amplíase o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
“Esta situación anómala de incendios simultáneos na provincia de Ourense vén derivada dunha elevada seca que provoca que desde hai máis de dous meses leven habendo precipitacións por debaixo da media dos últimos 30 anos”, explica Veiga.
Por súa banda, a Deputación de Ourense mobilizou todos os seus medios materiais e humanos de emerxencias para colaborar coa Xunta de Galicia e co Estado na loita contra os lumes forestais que asolan a provincia.
Incendios en Ourense
O incendio forestal de Chandrexa de Queixa, que queima 3.000 hectáreas desde o seu inicio o venres ás 15.51 horas, é o máis grande dos actualmente activos e o de maior dimensión ocorrido en todo o ano en Galicia.
Ata alí mobilizáronse, por parte de Medio Rural, 14 técnicos, 51 axentes, 79 brigadas, 40 motobombas, nove palas, seis unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións. Así mesmo, efectivos da UME xa colaboran desde a madrugada do martes.
Afecta ao Macizo Central de Ourense, onde permanecen sen extinguir outros catro lumes: en Maceda, nas parroquias de Santiso (500 hectáreas) e Castro de Escuadro (450 hectáreas), que permanece estabilizado; en Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos (180 hectáreas), que tamén está estabilizado, e en Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas).
Tanto en Chandrexa como en Maceda, parroquia de Santiso, foi necesario decretar Situación 2 durante a madrugada pola proximidade de ambos os lumes a vivendas.
En Chandrexa, obrigou a desaloxar a cinco veciños de dúas vivendas no lugar da Senra, durante a madrugada. En Maceda, desaloxáronse a uns catro veciños en Calveliño do Monte, onde se fixo un contrafogo para asegurar a aldea.
Ademais, na provincia hai outros tres incendios de importante afectación: en Vilardevós, parroquia de Moialde (40 hectáreas); en Cartelle, parroquia de Anfeoz (20 hectáreas), e en Verín, parroquia de Mourazos (9 hectáreas), que xa está controlado.
Outros incendios
Pola outra banda, está activo desde as 23.37 do luns un incendio en Samos (Lugo), que segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor das 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse por agora un técnico, dous axentes, oito brigadas, cinco motobombas e tres palas.
Permanecen controlados os lumes de: Monfero (A Coruña), parroquia de Queixeiro, que queima cinco hectáreas desde a tarde do domingo; A Fonsagrada (Lugo), que calcina 150 hectáreas desde a súa orixe ás 15.30 horas do 5 de agosto, e A Estrada, parroquia de Souto, cunha dimensión de 20 hectáreas e iniciado na mañá do domingo.