Nicolás Casares (PSdeG), sobre Mercosur: «O impacto no sector cárnico está limitado, acoutado e vixiado»
A pesar das protestas de agricultores e gandeiros, o eurodeputado defende que o acordo é bo para Galicia e xera oportunidades para o sector agroalimentario, así como para a industria téxtil, naval ou automobilística.
17/01/2026 Asinatura do acordo de libre comercio UE-Mercosur en Asunción (Paraguai) POLÍTICA SUDAMÉRICA PARAGUAI PRESIDENCIA DE PARAGUAI
Un acto en Asunción certificou este sábado a firma do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur tras 25 anos de negociacións para regular as relacións dun mercado de máis de 700 millóns de persoas e convertelo na maior zona de libre comercio do mundo. O fito político non xera un consenso pleno, nin entre países nin entre partidos, e tampouco nos administrados, pois proliferaron as protestas do sector primario en Europa contra o tratado.
As críticas cara ao acordo aséntanse no déficit comercial que mantén a UE respecto aos países do Mercosur no sector agroalimentario e no temor á chegada masiva de produtos ao mercado europeo, especialmente cárneos, e a unha desigualdade reguladora en canto aos requisitos fitosanitarios e ambientais de produción nos distintos territorios. En Galicia, o BNG posicionouse claramente en contra do tratado comercial e o PP modulou o seu apoio inicial ao documento. Alfonso Rueda manifestou esta semana o seu apoio aos agricultores e gandeiros, explicando que dito respaldo significa esixir que os produtos que cheguen de Brasil, Arxentina ou Paraguai cumpran “as mesmas condicións” que se lle impoñen ao sector primario galego.
Neste contexto, o eurodeputado Nicolás González Casares (PSdeG) puxo en valor o acordo e considerou que se trata dunha oportunidade, non só para sectores industriais, senón tamén para o propio sector primario. Nun comunicado, afirmou que é “un bo acordo para Europa e para Galicia, especialmente nun mundo cada vez máis fragmentado”. “Cando algunhas portas do mundo se pechan, Europa non pode poñerse vendas nos ollos nin replegarse sobre si mesma. A nosa resposta ten que ser máis acordos, máis diálogo e máis regras compartidas”, dixo.

As exportacións galegas
O acordo é de gran dimensión. O impacto estimado é de 77.000 millóns de euros adicionais para o PIB da UE e de 9.000 millóns para Mercosur, o que podería traducirse en 50.000 millóns máis en exportacións europeas e 440.000 postos de emprego. A xuízo de Nicolás Casares, os sectores que máis crecerán son aqueles nos que Galicia ten unha base industrial sólida, como a automoción, maquinaria, química, farmacéutica ou equipamento eléctrico. “Galicia fabrica coches, ten unha industria téxtil punteira e unha construción naval competitiva. Este acordo encaixa co noso modelo produtivo e reforzao“, asegurou.
A industria galega pesa pouco no mercado latinoamericano. Segundo os datos do ICEX, América Latina é o mercado que máis crece para as exportacións galegas, con incrementos do 37,8% a Arxentina e do 30,9% a Brasil no primeiro semestre de 2025. En 2023, Galicia exportou a Arxentina 129,9 millóns, un 61% máis, principalmente de compoñentes de automoción, aínda que tamén de produtos químicos, buques e maquinaria. “Galicia xa está alí e o acordo permítenos estar mellor e con máis seguridade xurídica”, apuntou.
A preocupación do sector primario
No ámbito agroalimentario, González Casares insistiu en que o acordo “abre oportunidades claras para sectores galegos de valor engadido”. A nivel europeo, prevé un aumento de ata o 50% das exportacións agroalimentarias, con beneficios para o viño, os produtos con denominación de orixe e os transformados lácteos, como o queixo.
Fronte ás preocupacións do sector primario, o eurodeputado foi claro: “O impacto no sector cárnico está limitado, acoutado e vixiado“. As importacións de carne de vacún limítanse a un 1,5% e as de aves de curral a un 1,3%, con cláusulas de salvagarda, un fondo de protección reforzado e controis estritos en benestar animal e seguridade alimentaria. “Non hai barra libre: hai límites, hai mecanismos de reacción e hai protección para os nosos agricultores e gandeiros”, remarca. Neste sentido, González Casares destacou que todas as importacións deberán cumprir plenamente as normas europeas. “As regras sanitarias e fitosanitarias da UE aplícanse a todos os produtos importados, sen excepcións”, indicou.
En pesca, González Casares sinalou que “non se espera un impacto negativo para Galicia”. Ademais, ao seu xuízo, o acordo reforza o compromiso coa pesca sostible e coa xestión responsable dos recursos mariños. “Defender o comercio non é renunciar á sostibilidade; este acordo demostra que ambas cousas poden ir da man”, engadiu.