O clúster de renovables reivindica nos seus Energy Days o potencial ‘verde’ de Galicia, pero pide máis almacenamento.

Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, defende a capacidade de Galicia coas enerxías renovables, pero advirte que estas "requiren un avance en sistemas de almacenamento enerxético, que nos permiten consumir cando non se xera".

Imagen de archivo de un parque eólico de Iberdrola / Iberdrola

Imagen de archivo de un parque eólico de Iberdrola / Iberdrola

Máis de 600 persoas danse cita nos Energy Days. O foro promovido polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) na Cidade da Cultura viviu este xoves a súa segunda xornada e puxo o foco no potencial de Galicia coas enerxías renovables, os novos modelos de smart cities e os avances na dixitalización do sector enerxético.

Prezo, sostibilidade e dispoñibilidade son os vectores que máis valoran e aos que son máis sensibles tanto as industrias como os consumidores en materia de enerxía”, defendeu Oriol Sarmiento, xerente do Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), antes de dar paso ás ponencias deste xoves.

A xuízo de Sarmiento, “España está electrificando a súa economía, aínda que leva certo atraso en canto á electrificación do parque automobilístico, que chegará antes ou despois, pero vai chegar seguro, e na integración das enerxías renovables, moi abundantes en Galicia pero que requiren un avance en sistemas de almacenamento enerxético, que nos permiten consumir cando non se xera”. “Debemos defender que a transición enerxética se faga co maior compromiso co medio ambiente e creando riqueza en Galicia”, engadiu o responsable de Cluergal.

A eficiencia enerxética

A continuación deu paso a unha mesa redonda que xirou en torno á eficiencia enerxética dos edificios. Estes representan un terzo do consumo enerxético e das emisións de gases de efecto invernadoiro. É por iso que os ponentes puxeron en valor o potencial de mellora neste ámbito da man de tecnoloxías innovadoras e deseños sostibles, como a iluminación LED, un bo illamento ou a integración de enerxías renovables.

Alberto Vidal González, director do Departamento de Enxeñería e Control de Instalacións de DALP Enxeñería e Automatización SL, defendeu que “a transformación dixital na edificación xa non é unha opción: é o camiño cara a unha xestión máis intelixente, trazable e rendible dos activos inmobiliarios”, e destacou as vantaxes que supón en termos de eficiencia enerxética, sostibilidade, confort, seguridade e xestión intelixente.

Nesta liña, Miguel San Juan, xestor de proxectos de Ledvance, puxo de relevo “o papel da iluminación como elemento estratéxico para reducir o consumo enerxético, diminuír a pegada ambiental e mellorar o benestar dos ocupantes”. Segundo defendeu, “unha iluminación eficiente incide directamente na redución de custos operativos, aumenta o valor dos inmobles e contribúe ao cumprimento de normativas e certificacións de sostibilidade”.

Por outra banda, Vanessa Castro Jiménez, responsable de edificación, rehabilitación e eficiencia en Smart Clima de Iberdrola, expuxo varios casos prácticos “onde se pode observar como a rehabilitación enerxética transformou a vida dos veciños da comunidade, revalorizando o seu inmoble e mellorando o benestar e a eficiencia dos seus fogares”.

Os novos modelos de ‘smart cities’

En paralelo, os Energy Days tamén repasaron os novos modelos de cidades intelixentes (smart cities). Sobre este punto, Arancha Mañas, presidenta de APROEMA (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia), destacou que “os principais eixos que deben guiar a transformación urbana son a integración da economía circular nas políticas locais, a dixitalización ambiental, a xestión intelixente de residuos, a formación de perfís verdes e a colaboración público-privada”.

Neste sentido, Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama, destacou que “os países europeos máis desenvolvidos e comprometidos co medio ambiente son precisamente os que máis reciclan e os que máis valorizan enerxeticamente, con taxas de vertido inferiores ao 3%. En España, o uso do vertedoiro mantense por riba do 50%, polo que o noso país non poderá cumprir os obxectivos europeos en materia de recuperación se non conta coa valorización enerxética, que representa un exíguo 10%”.

Por outra banda, Gonzalo Varela, xerente do Grupo Tevalcor, situou o ciclo integral da auga como “a columna vertebral da smart city. A dixitalización (IoT, telemetría, xemelgos dixitais e Intelixencia Artificial) permite detectar fugas, optimizar enerxía e anticipar a demanda, así como impulsar a resiliencia climática ante secas e eventos extremos”. Finalmente, María Teresa Chantada, responsable de sostibilidade en Galicia de SGS Tecnos, realizou unha avaliación de estado, en materia de sostibilidade, de toda a cadea de valor nas cidades, concluíndo que “se necesita formación, información e medios para conseguir entender e implantar as esixencias lexislativas europeas respecto á sostibilidade”.

Na tarde deste xoves celebrouse unha nova edición de Enerdixital, que xirou en torno ás oportunidades de dixitalización no sector enerxético. Segundo Oriol Sarmiento, “a chegada da Intelixencia Artificial é unha revolución que afecta a todos os sectores. Pero a dixitalización do sector enerxético vai cambiar todo”.

Nesta mesma liña, Gabriel González, director de tecnoloxía de DEICOM Technologies, recalcou “a implementación de solucións baseadas en intelixencia artificial resulta esencial para anticipar comportamentos irregulares e adaptar a rede ás novas esixencias de flexibilidade do mercado enerxético”. Por outra banda, Xesús Santos Homobono, director de Data Center Area en Genesal Energy, aproveitará para posicionar a importancia do dato e os centros de datos na nosa vida cotiá.

Os Energy Days acolleron a cuarta edición do seminario Mulleres STEM, que reuniu a Adriana Trillo, subdirectora da división de Enerxía en Xeal; Xosefina Alonso, directora de Operacións en Dihigal; e Antía Míguez, coordinadora de Sostibilidade de Genesal Energy; moderadas por Raquel Maquieira, CEO de 91 Graos.

As oportunidades coa enerxía eólica

Para este venres está prevista a celebración das XII Xornadas Eólica Wind Galicia 2025, “un espazo no que se abordarán os grandes retos e oportunidades dunha industria clave para a transición enerxética, o desenvolvemento económico e a creación de emprego na comunidade”, segundo indican os organizadores.

A xornada eólica será inaugurada mañá venres 10 de outubro ás 9:15 horas por Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, e Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal. Tras as ponencias e unha mesa de debate sobre o presente e futuro do sector eólico en Galicia, o evento será clausurado ás 11:40 horas por María Xesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria; e Xosé Ramón Franco, presidente de Cluergal.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta