Actualizado
O fiscal solicita seis anos de prisión para o ex inspector xefe de Facenda en Vigo por suborno e branqueo de capitais
O ex funcionario de Facenda, que foi detido en 2019, cando era inspector xefe da Axencia Tributaria en Vigo, está acusado de cobrar por favorecer a empresas en inspeccións, diñeiro que, supostamente, levaba a Suíza, segundo a Fiscalía.
Logo de la Agencia Tributaria. Europa Press
O ex funcionario de Facenda Asdrúbal Casares García, que traballaba na delegación da Axencia Tributaria en Vigo, que chegou a ser inspector xefe e que foi detido en xaneiro de 2019, enfróntase a seis anos e tres meses de cárcere como suposto autor dos delitos de suborno, revelación de informacións, negociacións prohibidas para funcionarios e branqueo.
A Fiscalía xa formulou o seu escrito de acusación contra este ex inspector de Facenda, e tamén acusa á súa exmuller e a dous empresarios de Vigo que supostamente participaban nun entramado polo que cobraban a empresas que estaban sendo investigadas pola Axencia Tributaria a cambio de asesoramento e de interceder para que os expedientes concluísen dunha forma máis favorable.
Pesquisas desde Santiago
O xulgado de instrución 3 de Santiago de Compostela coordinou esta longa investigación xudicial e agora o ministerio público formulou a súa acusación, aínda que pide que se recoñeza a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.
Segundo o escrito do Fiscal, o inspector de Facenda facilitou aos dous empresarios, Francisco G.P. e Pablo G.T., información sobre unha empresa ubicada en Santiago que estaba sendo investigada en 2016 por Facenda, e contra a que el mesmo, en atribución das súas funcións, presentou denuncia ante a Fiscalía.
Con esa información do expediente (unha información reservada), ambos contactaron co asesor fiscal da empresa afectada, para advertirlle das posibles consecuencias, incluso penais, da inspección, e para ofrecerse a realizar xestións por medio dunha persoa con “moita influencia”, de maneira que a inspección se resolvese dunha forma máis favorable. En definitiva, ofrecíanse a axudarlle nese proceso a cambio de diñeiro, aínda que non consta se o asesor ou a empresa afectada chegaron a pagar.
Asesoramento
No marco da instrución, a Fiscalía comprobou que “outros obrigados tributarios” denunciaron que Asdrúbal Casares García tivera “actuacións indebidas” como inspector. O Ministerio Público sostén que, xa desde antes de 2016, o funcionario de Facenda, utilizando como mediadores a eses dous empresarios, e mesmo á súa muller, prestara asesoramento fiscal a numerosas empresas que estaban sendo investigadas, a cambio de uns pagos que se vehiculaban a través da empresa dun dos seus cómplices ou da sociedade que tiña a súa esposa.
Segundo a Fiscalía, Casares García non solicitara nunca a declaración de compatibilidade para compaxinar a súa actividade como funcionario coa de asesor fiscal, ou con calquera outra actividade pública ou privada. Con todo, mantén, as actuacións que levou a cabo durante anos servíronlle para conseguir ingresos adicionais que sumaba ao seu soldo.
O diñeiro, a Suíza
Ademais, tamén acusa ao ex inspector e á súa muller (da que se separou en 2016) de tratar de “esconder” o diñeiro levándoo a unha conta dun banco de Suíza. Parte do diñeiro expatriado regresou despois ás súas contas mediante transferencias desde a entidade suíza.
Por todo isto, a Fiscalía atribúe ao exfuncionario de Facenda os delitos de suborno, revelación de informacións, actividades prohibidas para funcionarios e branqueo, e pide para el penas que suman seis anos e tres meses de cárcere, ademais de multas que suman máis de 232.000 euros.
Para o empresario Francisco G.P., como cooperador necesario nos delitos de suborno e de actividades prohibidas para funcionarios, pide dous anos de prisión e multas que suman 21.000 euros; mentres que para Pablo G.T. reclama un ano de cárcere e multa de 1.500 euros. Para Beatriz Z.M., exmuller do principal acusado, pide tres anos e tres meses de cárcere polo delito de branqueo, e multa de 194.602 euros.