O Foro Económico de Galicia prevé unha “desaceleración” para o vindeiro ano
Xa esperabamos unha ralentización para este ano pero vemos que seguimos mantendo un diferencial con Europa importante e Galicia vai aproximadamente ao ritmo de España, explica Santiago Lago, o seu director, na presentación do anuario do foro

Foto de familia del acto de presentación del Anuario 2025 del Foro Económico
O Anuario 2025 do Foro Económico destaca que os resultados en Galicia son “moi bos” neste primeiro cuarto de século, sendo a comunidade autónoma que “máis creceu” en termos de renda per cápita. Con todo, prevé unha “desaceleración” aínda que “sen entrar en crise”. Así o trasladou o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, na presentación do citado anuario. O acto contou coa presenza, entre outras autoridades, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e o de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Durante o encontro, presentouse a novena edición deste informe, que edita o xornalista José Luis Gómez, que recolle as principais claves da economía galega e española e presenta unha reflexión crítica sobre os problemas estruturais que poden comprometer a súa sostibilidade.
Ralentización
“O que pasou en 2022, 2023, 2024 e o que está pasando en 2025 son cifras moi elevadas, en perspectiva comparada”, explicou Lago, en declaracións aos medios, e en alusión á redución do desemprego ou a xeración de emprego. “Isto vai ser moi difícil poder mantelo en 2026”, sinalou para prever unha “desaceleración” da economía. “Esperamos unha ralentización, sen entrar en crise pero si unha ralentización”, insistiu.
“Xa o esperabamos para o ano 2025 pero vemos que seguimos mantendo un diferencial con Europa importante e Galicia vai aproximadamente ao ritmo de España”, engadiu.
“Seguir avanzando”
Respecto aos últimos 25 anos, expuxo que “estanse a facer ben as cousas en Galicia, os resultados son moi bos”. “Somos a comunidade autónoma que máis creceu en termos per cápita, por habitante, pasamos de ser décimoquintos de 17 no ránking autonómico a ser hoxe novenos”, concretou.
Asimesmo, alertou de que para “seguir avanzando e que o benestar dos galegos siga mellorando” hai que ter en conta factores como demografía, absentismo laboral, burocracia ou simplificación administrativa.
Ademais, o anuario inclúe, entre outros, unha análise de conxuntura económica, nacional e galega a cargo de Fernando González Laxe quen, durante a súa intervención no acto, salientou que os ámbitos que “non crecen” son o sector primario e o consumo privado dos fogares.