A patronal urxe situar a taxa de absentismo de Galicia na media nacional para “volver a ser competitivos”

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, advirte da maior duración e número de baixas en Galicia respecto á media do país, o que "prexudica" a actividade económica e xera un impacto do 3% do PIB.

Juan Manuel Vieites, presidente de la Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

A Confederación de Empresarios de Galicia marca como obxectivo reducir entre un e dous puntos o nivel de absentismo en Galicia para que se achegue á media española e “volver a ser competitivos”.

Así o indicou o seu presidente, Juan Manuel Vieites, en declaracións aos medios con motivo da presentación do informe –xa presentado días atrás– das universidades de Santiago e Vigo sobre absentismo. Vieites chamou a “facer os deberes” ao ocupar Galicia o segundo lugar entre comunidades na taxa de ausencia do traballo.

Así, apelou a abordar medidas “adecuadas” no marco do diálogo social co Goberno galego, sindicatos e patronal para rebaixar o absentismo “injustificado”. Sinala que “a Xunta quere axilizar isto ao máximo”, polo que haberá reunións “nas próximas semanas” ao respecto.

O presidente da CEG advertiu da maior duración e número de baixas en Galicia respecto á media do país, o que “prexudica” a actividade económica e xera un impacto do 3% do PIB.

Cando lle preguntaron polo aumento das incapacidades temporais (IT) por saúde mental, Vieites apuntou que “hai un modelo de sociedade diferente do covid para aquí”, no que “as persoas valoran outras cuestións”, o que considerou “respectable”. Iso si, advertiu da necesidade de atallar baixas: “Se non, a alternativa téñena na tecnoloxía, vai avanzar moitísimo; o traballador terá moito ocio, pero pouco poder adquisitivo”.

Absentismo en Galicia: un custo de máis de 2.000 millóns

O informe da UVigo e a USC cifra en máis de 2.000 millóns de euros o custo en Galicia entre Seguridade Social e empresas. Ademais, sinala un impacto arredor do 3% do Produto Interior Bruto, máis de 2.000 millóns, por tarefas que se deixan de facer por ausencia de traballadores.

Segundo este informe, Galicia rexistra un 7,6% de absentismo –sen aclarar que parte deste está injustificado–, por riba da media española (6,3%) e en segundo lugar entre autonomías, só por detrás de Canarias (8,3%).

O catedrático de Economía Aplicada da USC, Santiago Lago, que encabeza este estudo, reflexionou sobre que “hai espazo de mellora” ao ter Galicia o segundo nivel de absentismo máis elevado do Estado. Neste sentido, considerou que “queda moito traballo” e que se deben “afinaren” medidas, o cal “requiere consenso social” e “coñecemento técnico”.

Lago defendeu traballar “entre todos” no seo do diálogo social, xa que “España é campioa en Europa en xornadas perdidas” e “Galicia está no segundo posto de España”.

Tal e como xa expuxo na presentación deste informe en Santiago de Compostela hai 15 días, non se debe aspirar a un absentismo “cero”, dado que neste enmárcanse diferentes dereitos adquiridos –como poden ser baixas de paternidade–, senón que se debe atallar o absentismo que “socialmente non se quere”.

Sobre o plan de control de baixas anunciado pola Xunta, Lago deixou claro que “non hai unha solución máxica”, pois trátase dun “fenómeno multifactorial”, pero ve “lóxico” que se busquen medidas.

“O máis fácil cando tes un problema é buscar excusas rápidas e fáciles, desgraciadamente no debate político estamos instalados nisto e vemos solucións máxicas e discursos moi simples que ao final acaban facendo moito dano”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp