PEL 2026: máis de 6.000 pemes, microempresas e autónomos solicitan as axudas da Deputación da Coruña
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca que o Plan de Emprego Local é un programa que "funciona", que "dá respostas ás necesidades das persoas autónomas, pemes e microempresas" e que se converteu "nun pilar fundamental para o desenvolvemento rural coruñés".
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña. Deputación da Coruña.
A nova convocatoria do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña rexistrou un total de 6.050 solicitudes durante a convocatoria, que estivo aberta desde o 15 de novembro ata o 16 de decembro ás 14:00 horas. Esta elevada demanda confirma un ano máis, segundo explican desde o ente provincial, “a consolidación do PEL como unha ferramenta esencial para apoiar ao tecido empresarial, crear emprego estable e contribuír a fixar poboación, especialmente nos concellos máis pequenos da provincia”.
Tal e como destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, trátase dun programa que “funciona”, que “dá respostas ás necesidades das persoas autónomas, pemes e microempresas” e que se converteu “nun pilar fundamental para o desenvolvemento rural coruñés”.
Novidades na edición 2026
Unha das principais novidades desta convocatoria é a incorporación dentro da liña para autónomas a posibilidade de subvencionar os arrendamentos mensuais de locais comerciais, baixos, naves, oficinas ou centros de traballo, cunha contía entre 200 e 500 euros ao mes, ata un máximo de 6.000 euros anuais. Ademais disto mantívose a subvención das cotas á Seguridade Social, unha das máis demandadas polos e polas profesionais autónomas da provincia.
Esta liña está dirixida a persoas con domicilio fiscal e centro de traballo en concellos que conten con menos de 10.000 habitantes. En total, rexistrou 3.945 solicitudes, das que 3.055 (un 77,4%) procederon de persoas que non solicitaban a axuda en edicións pasadas. “Isto demostra a importancia deste apoio para a mantenza e o fortalecemento do autoemprego”, explican desde a Deputación. Melide, Mazaricos, Cedeira ou Santa Comba son os concellos que maior volume de solicitudes recibiron.
Incremento de solicitudes de axudas no rural
Tamén experimentaron un crecemento as solicitudes de axudas para acometer investimentos no rural. En concreto, a liña PEL – Emprende Investimento –destinada a pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que desenvolven a súa actividade en concellos con menos de 10.000 habitantes– rexistrou 1.445 solicitudes, unha cifra que supera a de convocatorias anteriores.
Santa Comba, Mazaricos e Negreira son os concellos con maior número de solicitantes que proceden, sobre todo, do sector gandeiro. As empresas beneficiarias poderán destinar os fondos a investimentos en bens inventariables imprescindibles para o desenvolvemento da súa actividade, como pode ser maquinaria, mobiliario, equipos para procesos de información ou aplicacións informáticas, que axudarán a “a modernización e competitividade do tecido empresarial”.
Axudas para crear ou manter postos de emprego
Pola súa banda, a liña PEL-Pemes, destinada á creación e ampliación do persoal, tamén experimentou un aumento de solicitudes. Estas axudas, que subvencionan o 60% dos custos das novas contratacións, recibiron 470 solicitudes. En canto á liña PEL-Pemes Mantemento, coa que se cubren o 50% dos custos salariais do segundo ano de contratacións indefinidas realizadas en base á outra liña, rexistrou 190 solicitudes.
O sector terciario, hostalería e comercio principalmente, é o que presentou un maior número de demandas, seguido do gandeiro. Santa Comba, Boiro e Mazaricos son os concellos que máis solicitudes rexistraron. “Estas axudas teñen un impacto na xeración de novas oportunidades laborais, contribuíndo á fixación de poboación no rural e a mellorar as condicións de emprego contribuíndo á fixación de poboación no rural e á mellora das condicións de emprego na provincia”.