Tres detidos e máis dunha vintena de investigados polos incendios en Galicia.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fai un chamamento á colaboración cidadá para facilitar información sobre os posibles responsables dos lumes.

Vista de los incendios del Macizo Central en Chandrexa de Queixa, Ourense. Rosa Veiga / Europa Press
Tres persoas foron detidas pola Garda Civil como presuntos responsables dos incendios que asolan a comunidade e outras 22 están sendo investigadas. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo un chamamento á colaboración cidadá para facilitar información sobre os posibles responsables dos lumes que afectan especialmente á provincia de Ourense.
En un comunicado, salienta o traballo estatal, a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para desenvolver “un operativo intensivo para identificar e deter“ ás persoas responsables de provocar incendios forestais.
Por outra banda, lembra que, no marco do dispositivo, a Garda Civil estableceu un gabinete específico no Centro de Coordinación Operativa (CECOP) de Ourense co obxectivo de centralizar información, coordinar investigacións e reforzar a colaboración cos servizos de emerxencia e co resto de administracións implicadas.
“Quen prenda lume de maneira intencionada non quedará impune”, advirte o delegado do Goberno que asegura que “cada foco, cada faísca, cada paso está baixo vixilancia”.
“Imos chegar ata o final nas investigacións e quen estea detrás destes incendios sentará diante da Xustiza”, engade. Ademais, subliña que a actividade policial céntrase na recollida de indicios no terreo, na análise da información aportada polos equipos de extinción e pola cidadanía e no despregamento de patrullas en zonas de risco para previr novos focos.
Asimesmo, engade que se está traballando en coordinación coas unidades especializadas en investigación de incendios forestais. Por outra banda, fai un chamamento á colaboración cidadá para que calquera información que poida axudar a identificar aos responsables sexa comunicada de inmediato ás autoridades.
O Goberno de España reitera a súa “condena rotunda a calquera acto intencionado que orixine un incendio forestal” e reafirma a súa determinación de “empregar todos os recursos dispoñibles para levar aos culpables ante a Xustiza”.