Vía libre no Congreso para o traspaso da AP-9 a Galicia
O Congreso dos Deputados levantou, tras decenas de prórrogas, o bloqueo á tramitación da lei para a transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta de Galicia.

Recorrido de la AP-9 a su paso por el Puente de Rande
O Congreso dos Deputados dá luz verde á tramitación da lei para a transferencia a Galicia da titularidade da AP-9. A Cámara Baixa levantou de forma definitiva, tras decenas de prórrogas, o bloqueo que existía a esta petición que partiu no seu día, por unanimidade, do Parlamento de Galicia.
Tras numerosas prórrogas encadeadas, e despois dun desbloqueo parcial este mes (ao fixar o prazo das emendas á totalidade), xa hai data tope para a presentación das emendas parciais: este mércores ás 18.00 horas.
Tanto o PP como o BNG avanzaron o seu respaldo á medida e trasladaron a súa intención de non presentar emendas ao texto. O deputado do Bloque, Néstor Rego, reivindicou nun comunicado que este avance é “resultado directo do traballo e da negociación constante da organización nacionalista, que reclama desde hai anos que a xestión e titularidade da AP-9 se exerza desde Galicia“.
“O desbloqueo desta lei é unha boa nova para o país, froito da insistencia e do compromiso do BNG coa defensa dos intereses galegos”, afirmou Rego, quen subliñou que o acordo chega tras a negociación do BNG no marco da lei de mobilidade. Así mesmo, o Bloque insta ao resto das forzas políticas a non presentar emendas ao texto aprobado por unanimidade do Parlamento para “evitar novas dilacións na tramitación e garantir que a transferencia poida aprobarse canto antes”. “Non é momento de poñer paus nas rodas, senón de cumprir coa vontade unánime expresada polo Parlamento“, recalcou.
O PP celebra o “avance” no Congreso
Por outra banda, o PP tamén enviou un comunicado no que ratifica que non emitiu ningunha emenda ao articulado, “respectando o texto unánime” do Parlamento. O deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostenible do Congreso, Celso Delgado, celebrou o “avance” e defendeu que foi posible “grazas á enorme presión exercida desde o primeiro día” polos populares, á súa “insistencia ata a saciedade”.
“Despois de 60 prórrogas, 45 nesta lexislatura, a Mesa do Congreso acordou pechar o prazo de presentación de emendas ao articulado por parte dos grupos parlamentarios, que se coñecerán mañá. En total, foron case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 se deu inicio á tramitación da proposición”, destaca o PP.
“A partir de agora manterémonos vixiantes e esixentes, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: que a AP-9 sexa finalmente transferida a Galicia“, adiantou Delgado.