A propietaria da AP-9 reclama ao Estado case 35 millóns polos peaxes na sombra
O presidente da Xunta considera que o rescate, cuxo custo cifra en 2.356 millóns, é a alternativa máis vantaxosa para o interese público e sinala que "canto máis tempo pase, máis caro vai ser".

Imagen de archivo de uno de los tramos de la AP-9
Autoestradas do Atlántico SA (Audasa) reclamou no pasado maio ao Ministerio de Transporte o cobro do 50% dos peaxes na sombra dos exercicios 2020 a 2024, importe que ascende a 34,74 millóns, segundo se desprende da información enviada á Comisión Nacional do Mercado de Valores referente ao primeiro semestre.
Tal e como detalla a compañía “as sentenzas anteriormente mencionadas consideraron que esta sociedade concesionaria non conta con acción para reclamar o pagamento á Xunta de Galicia”. Refírese Audasa ás resolucións, en primeira instancia e do TSXG, nas que se derriba a reclamación da compañía coa que solicitaba á Xunta o pagamento de 12,3 millóns en compensacións correspondentes aos vehículos que circularon polos tramos de peaxe en sombra Rande-O Morrazo e A Coruña-Barcala en 2020 e 2021.
En concreto, tras o resultado favorable en primeira instancia a compañía presentou recurso ante o Alto Tribunal galego que veu a ratificar a primeira sentenza. «Corresponde á Administración Xeral do Estado o pagamento das cantidades debidas», consideraron os maxistrados sen que poida reclamarse o pagamento á Xunta que subliñaron que no incidente de execución de dita sentenza xa se insistiu en que «nin a fundamentación nin a parte dispositiva legitimaron á apelante a reclamar directamente á Xunta o pagamento de cantidade ningunha».
O fallo do TSXG contra o recurso da concesionaria tamén lembraba que sobre este asunto chegou a pronunciarse tamén o Tribunal Supremo a raíz dunha reclamación do Ministerio de Transportes (antes Fomento) na que solicitaban que a Xunta debería indemnizar ao Estado polo importe a abonar a Audasa. Neste caso o Alto Tribunal tamén eximiu de responsabilidade ao Executivo galego.
Este sistema de peaxes na sombra evita que sexan os usuarios da vía os que paguen directamente por circular por estes tramos, sendo a administración quen compensa en diferido á empresa en función do tráfico rexistrado.
O desglose por exercicio, segundo a información enviada á CNMV, atribúe 5,79 millóns por este concepto ao exercicio do 2020, 6,53 en 2021, 6,96 en 2022, 7,63 en 2023 e 7,83 en 2024.
Audasa pechou os primeiros seis meses do ano cunha facturación de 105,6 millóns, o que supón un incremento do 9,3% que se traslada incluso con maior intensidade ao seu resultado neto. A filial do Grupo Itínere incrementou á súa vez o seu beneficio un 12,9% respecto ao mesmo periodo do ano anterior, alcanzando os 44,6 millóns.
Rescate da AP-9
Este mesmo luns, tras a reunión semanal do Consello, Alfonso Rueda volvía a reclamar o rescate da AP-9, solución que considera como “alternativa máis vantaxosa para o interese público”.
O mandatario galego volveu a esixir ao Executivo central que o faga efectivo e sinalou que a actualización da estimación feita polo departamento autonómico eleva a cantidade do rescate a 2.356 millóns de euros. «Canto máis tempo pase, máis caro vai ser». Segundo explicou, esa cantidade que habería que pagar polo rescate «é moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión».
Así, tras o recente dictame da Comisión Europea que declara ilegal a prórroga da concesión, Rueda afirmou que o informe fai un diagnóstico da situación da concesión poñendo o foco, entre outras cousas, na subida da tarifa para os usuarios. En concreto, apuntou que os galegos pagan «un 40% máis en peaxes desde 2021, porque foi o que aumentou a recadación da concesionaria».