Abanca doa un millón e lanza unha liña de apoio para os afectados polos incendios
A entidade anunciou esta "axuda inmediata para emerxencias e primeiras necesidades" e abriu unha liña de apoio de 150 millóns para a "recuperación ambiental, social e económica das áreas afectadas".

Oficina de Abanca
Abanca vincúlase cos afectados polos incendios en Galicia. A entidade que preside Juan Carlos Escotet anunciou a doazón dun millón de euros “como axuda inmediata para emerxencias e primeiras necesidades” nas zonas máis golpeadas polos lumes.
“Estes recursos serán xestionados co máximo rigor, contando co asesoramento de expertos en situacións similares, e seguindo o modelo de outras accións solidarias emprendidas pola entidade”, afirma o banco.
A través dun comunicado, o banco revela que abriu unha liña de apoio de 150 millóns para a “recuperación ambiental social e económica das áreas afectadas”. Mediante esta iniciativa, Abanca reforza o seu “firme apoio ás persoas e aos sectores damnificados polos incendios”.
Neste sentido, a firma destaca que as liñas de financiamento irán destinadas á “rehabilitación de vivendas”, así como á substitución ou reparación de vehículos e maquinaria agrícola. “As liñas de apoio a titulares de actividades económicas canalízanse a través da división Abanca Agro e están dirixidas aos sectores máis impactados (forestal, vitivinícola, agricultores e gandeiros). Trátase dun financiamento a curto, medio e longo prazo destinado a restablecer canto antes a actividade. Tanto as familias como as empresas afectadas terán acceso a anticipos de indemnizacións de seguros e outras axudas públicas”, explica a entidade.
A través dunha nota de prensa, Abanca tamén destaca que habilitou a súa conta solidaria ES80 2080 7208 3385 3000 7122 para todas aquelas persoas ou entidades que desexen facer doazóns e garante que a tramitación dos fondos “levarase a cabo con axilidade e flexibilidade, priorizando a resolución das necesidades máis urxentes”.
“Como complemento a estas iniciativas e desde o inicio dos sinistros, Abanca puxo á disposición dos damnificados plans de apoio de Abanca Agro, así como do equipo de Abanca Seguros, coa colaboración activa da súa obra social, Afundación, nas liñas de apoio, recuperación e de seguimento social, ambiental e humano”, destaca a entidade que preside Juan Carlos Escotet.