Acciona mantén en venda 720 millóns en activos enerxéticos tras ofrecer as súas eólicas galegas á Xunta
O grupo da familia Entrecanales obtivo 1.500 millóns coas desinversións en renovables o ano pasado, mediante o traspaso de Acciona Hidráulica a Endesa e dunha carteira de 440 megavatios eólicos a Opdenergy.
José Manuel Entrecanales, presidente de Acciona. EFE/ David Fernández
Acciona asegurouse o ano pasado 1.500 millóns de ingresos coa venda de renovables, tarefa na que leva inmersa desde 2024 coa intención de cumprir os seus obxectivos de rotación de activos. Foi neste contexto cando as desinversións do grupo da familia Entrecanales chegaron ao despacho de Recursos de Galicia, a utility impulsada pola Xunta, coa oferta dun novo traspaso, os 550 megavatios eólicos que desprega na comunidade e que o converten no terceiro maior operador por detrás de Iberdrola e Endesa. Ao contrario das outras operacións, a das eólicas galegas non se fraguou ata o momento.
Pero Acciona segue na tarefa de vender. Iso amosan as súas contas anuais, nas que se rexistran activos mantidos para a venda por valor de 1.250 millóns. Destos, 720 millóns corresponden a activos da división de enerxía, mentres que o resto forman parte da área de infraestruturas. A principal variación nestas cifras rexistrouse, lóxicamente, na división enerxética, pasando de 954 millóns en 2024 a eses 720 millóns do peche de 2025, mentres que na área de infraestruturas mantívose igual.
Segundo as contas anuais, os activos renovables en venda teñen un pasivo asociado de 292 millóns, de xeito que se reduciu nun ano á terceira parte, se se compara cos 994 millóns de 2024.
As operacións de Acciona
As dúas grandes operacións do ano sucederon ao principio e ao final do exercicio. En febreiro, a compañía completou a venda de Acciona Hidráulica, o que supuxo o traspaso a Endesa de 34 centrais hidroeléctricas con 626 megavatios de capacidade instalada, situadas en Aragón, Soria, Valencia e Navarra. Estas instalacións contan con acordos de concesión a longo prazo cunha vida media restante de 30 anos. A transacción ascendeu a 964 millóns, dos que Acciona ten pendente de cobrar 6 millóns. A operación permitiu engordar os ingresos do pasado exercicio en 491 millóns.
O outro traspaso do ano sucedeu en decembro, a venda a Opdenergy, grupo participado polo fondo Antin Infrastructure Partners, dunha carteira de proxectos eólicos e fotovoltaicos. En conxunto, suman 440 megavatios repartidos en 13 proxectos eólicos cunha antigüidade media de 15 anos, situados en Albacete, Cádiz, Cuenca, Lleida, Valencia e Zamora. Os fotovoltaicos supoñen un desenvolvemento de ata 31 MWp, asociados ao potencial de hibridación dos eólicos incluídos na venda.
A transacción ascendeu a 531 millóns, o que permitiu ao grupo sumar 203 millóns aos seus resultados o ano pasado, no que rexistrou unhas ganancias de 803 millóns, un 90% máis, aínda que inflado por extraordinarios.
Outra gran operación
Aínda sen pechar, Acciona acordou outra gran operación o ano pasado. Pactou con Mexico Infrastructure Partners (MIP) a venda dunha participación do 49% na súa carteira fotovoltaica de 1,3GW en Estados Unidos, e a totalidade de dous parques eólicos en México que suman 321MW, por un valor aproximado de 1.000 millóns de dólares (uns 855 millóns de euros). O traspaso debería pecharse no primeiro semestre deste ano.
Desde xullo de 2024, a compañía alcanzou acordos para a venda de case 1,7GW de capacidade renovable en España, Sudáfrica, Perú e Costa Rica, por un importe aproximado de 2.400 millóns.