ACS, OHLA, Acciona e Ferrovial loitan polo segundo centro de coidados intermedios de Galicia
Vinte construtoras, dúas delas filiais do grupo de Florentino Pérez, loitarán por transformar o antigo Hospital do Rebullón nun centro pioneiro de atención a maiores, o segundo que se implantará en Galicia.
A Xunta recibiu 20 ofertas para construír o centro de coidados intermedios de Mos (Pontevedra), un equipamento destinado á atención de persoas maiores que recibiron o alta de ingreso hospitalario, pero que aínda necesitan atención específica antes de regresar ao seu lugar de residencia. Será o segundo deste tipo que pon en marcha o Goberno galego, despois do de Santiago. O orzamento de licitación ascende a 11,6 millóns e as obras, unha vez adxudicadas, terán un prazo de 24 meses.
O desenvolvemento do novo centro pontevedrés, a partir da transformación do antigo Hospital do Rebullón, atraeu grandes construtoras estatais, algunhas por partida dobre. É o caso de ACS, que se presenta ao concurso con dúas filiais, Vías y Construcciones e Dragados, que son as dúas empresas do grupo de Florentino Pérez que acostuman a competir pola obra pública galega. Tamén competirán polo centro de coidados intermedios OHLA, a compañía dos Amodio; Ferrovial, o grupo que preside Rafael del Pino; e Acciona, da familia Entrecanales e outra das tradicionais grandes adxudicatarias de obra pública en Galicia.
As madrileñas Edhinor e Seranco, a catalana Copcisa ou a valenciana Vilor tamén son licitadoras nun proxecto que atraeu un elevado número de ofertas. A conselleira de Política Social, Fabiola García, vinculou a construción destes centros públicos a completar a atención e rehabilitación das persoas maiores cando o seu benestar clínico xa está garantido e, deste xeito, ofrecer un servizo completo de recuperación.
O inmoble terá unha capacidade de 58 prazas e combinará zonas independentes con espazos comúns. Disporá de área residencial e área de coidados sociosanitarios, cun entorno axardinado no que se habilitará tamén un aparcadoiro, segundo a información trasladada pola Xunta.
San José e Copasa
As dúas principais construtoras galegas por volume de ingresos, San José e Copasa, tamén presentaron oferta para construír o pioneiro centro. Ambas lograron traballos emblemáticos nos últimos anos. A compañía de Jacinto Rey, por exemplo, encargouse do edificio Fontán da Cidade da Cultura ou, no ámbito privado, da reforma para a integración do antigo espazo de El Corte Inglés no centro comercial Marineda City. O grupo ourensán, pola súa banda, está a construír o Centro de Protonterapia de Galicia, que albergará un dos equipos doados por Amancio Ortega, ou o edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).
O resto da armada galega que loitará polo contrato está composta por catro UTEs e cinco ofertas individuais. As alianzas están formadas por Orega e Misturas; XAC e Prace; Civis Global e Coviastec; e Ogmios e Sergonsa, segundo a documentación que consta na mesa de contratación de Política Social. O resto de licitadores son Citanias, Oreco Balgón, Gómez Crespo, Proyecon e Ramírez.